A proposta do PSdeG contra o amaño electoral de Feijóo

Share Button

Un dos asuntos que protagonizou o debate político nos últimos días foi a proposta do Presidente da Xunta, o popular Núñez Feijóo, de reducir o número de deputados autonómicos de 75 a 61, coa tan manida excusa do aforro e a austeridade.

O PSdeG-PSOE e o BNG xa manifestaron o seu radical desacordo, porque é evidente que esta proposta do PP é unha trampa para asegurarse unha maioría absoluta que nestes momentos semella estar en serio perigo. A proposta incrementa aínda máis a representatividade das provincias de Lugo e Ourense, menos poboadas e tradicionalmente máis favorables ó PP. Aplicando este novo sistema electoral ós resultados das eleccións autonómicas de 2009, o PP ampliaría de un a tres escanos a súa vantaxe sobre PSdeG e BNG. Esta nova proposta, ademais, faría máis difícil que entrasen no Parlamento forzas políticas de esquerdas que, no momento actual, semellan ter opcións de facelo, caso de Esquerda Unida ou das recentes escisións do BNG. Ó mesmo tempo, nun arco parlamentario reducido, habería comarcas que, case con seguridade, quedarían sen representación no Parlamento, sen deputados que defendesen os seus intereses cun coñecemento profundo do territorio. Todo isto deixando á marxe que, nun estado moderno e civilizado, debería estar completamente prohibido cambiar as reglas de xogo de maneira unilateral a menos dun ano dunhas eleccións. Imaxina o que estarían vociferando os medios da dereita española se unha medida deste tipo fose proposta por algún dos presidentes da esquerda latinoamericana.

Acontece que cando un abre certos debates o tiro pode saírlle pola culata. Hai uns días o Secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, presentou unha alternativa que, mantendo os 75 deputados actuais, permitiría aforrar 6’4 millóns de euros ó ano, seis veces máis que coa proposta de Feijóo.

O punto de partida da alternativa presentada polo PSdeG consiste nunha redución salarial para os 75 deputados ata acadar o mesmo aforro que coa redución de 14 escanos pero conservando o número orixinal de representantes. Así sería posible manter os 75 deputados e acadar un aforro dun millón de euros ó ano (4 millóns en toda a lexislatura).

Ademais, o noso partido propón a equiparación salarial da presidenta, os membros da Mesa e os demais deputados, ó considerar que non é normal que o presidente do Parlamento teña un salario de 108.000 euros ó ano. Proponse tamén reducir o número de asesores de Presidencia da Xunta de 46 a 15, aforrando 1’5 millóns de euros ó ano. Ó mesmo tempo, o número de asesores das consellerías da Xunta debería reducirse de 95 a 32, aforrando outros 3’2 millóns de euros cada ano, e por último pecharíase o “palacete” que dispón a Xunta en Madrid, cun aforro adicional de 500.000 euros ó ano.

Que o PP empregase a súa maioría absoluta na Xunta para cambiar as reglas de xogo a poucos meses das eleccións sería máis propio dun país bananero que dunha democracia civilizada. Non podemos consentilo.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.