Música contra o Cancro

Share Button

 

O Auditorio Municipal de Cariño acolleu onte, domingo 5 de agosto, o festival Música contra o Cancro, organizado pola Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC). O Auditorio quedouse pequeno para acoller ós varios centos de asistentes que quixeron presenciar un evento que prometía moito, ó contar cunha nutrida representación de músicos e artistas locais.

É realmente difícil que alguén saíse defraudado. Foi unha noite magnífica, con actuacións de excelente nivel dende que Ana Yáñez interpretou as primeiras notas coa súa guitarra ata que o dúo composto por Pablo e Alberto, con guitarra e violín, puxeron fin ás actuacións. Entre estas saídas primeira e última, subiron ó escenario Poldo e Andrés do Bahía, con Rafael Soneira na guitarra; o cuarteto ferrolán Aguas Marinas; os irmáns Nicolás e Marta cos seus trombón e saxo respectivamente; o cuarteto que conformaron Xico de Cariño, Hixinio Cabarcos, Rafael Soneira e o noso compañeiro Alberto Iglesias; os grupos de baile tradicional Treboada e Bolboreta, da Agrupación San Xiao do Trebo; Leis na súa condición de monologuista; e o dúo composto por Sara na voz e David na guitarra. Presentou estupendamente o festival Andrés Abella e Nina do Bahía, representando á Xunta Local da AECC, pronunciou as palabras de clausura, abrindo a porta á esperanza e destacando os avances médicos que se están acadando para combatir a lacra do cancro. O escenario foi decorado por xentileza do pintor Fernando Laxe e de Floristería O Xardín.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos felicitar efusivamente á Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro polo éxito acadado, recoñecer a excelente calidade musical que temos nas cinco parroquias deste Concello e expresar a nosa satisfacción polo enorme éxito de público. Sen dúbida, un bo precedente para repetir en anos vindeiros.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.