Festas de San Bartolo en Cariño

Share Button

Cariño sumérxese nas Festas Patronais de San Bartolo. A Comisión de Festas ten preparado un completo e variado programa que pasamos a resumir aquí.

Os eventos do xoves 23 comezan ás 10 da mañá cos xogos infantís na Praza Roxa. Ás cinco da tarde terá lugar a IV carreira popular e hora e media despois o partido de fútbol que enfrontará ós equipos xuvenís de Cariño e Cedeira. Pola noite, a partir das dez e media, verbena amenizada pola Orquesta Malasia e Discomóvil Pegaso.

O día principal, venres 24, ábrese cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo de Cariño. Ás 12 terá lugar a misa, seguida da procesión acompañada da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo, os grupos de baile da mesma agrupación e a Danza de Arcos. Ás seis e media da tarde dará comezo o partido de fútbol entre Cariño e Cedeira, que disputarán o Trofeo de San Bartolo. A verbena noctura contará coas actuacións da Orquesta Breixa Band e da cantante de Eurovisión Lucía Pérez.

O sábado 25 estará protagonizado polos disfraces. A xornada ábrese novamente cun pasarrúas a cargo da nosa banda de gaitas local. Ás 12 terá lugar a misa, seguida da procesión. O Desfile do Carnaval de Verán, encabezado pola Agrupación Carnabrasil Show, dará comezo ás oito da tarde. A partir das nove e media, celebrarase na Praza Roxa un Concurso de Disfraces, cun primeiro premio de 300 euros e outros premios en metálico. A música noctura correrá a cargo de Carnabrasil Show e Discomóvil Pegaso.

O último día, domingo 26, celébrase a tradicional Xira Campestre na Solana, con pasarrúas matinal a cargo do Grupo de Gaitas Brisas da Cova, sesión vermout amenizada polo Dúo Caramelo e degustación gratuita de sardiñas e conservas locais. A partir das cinco da tarde voltará a actuar o Dúo Caramelo e a verbena nocturna estará protagonizada por Los Mezcales de San Antonio.

A Comisión de Festas creou un evento en Facebook, denominado Evento Fiestas San Bartolo 2012, onde podes consultar tódolos detalles da programación e estar ó tanto das últimas novidades. A Comisión vén de publicar ademais un Libro das Festas, igualmente útil para non perder detalle estes días.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño, queremos felicitar e agradecerlle á Comisión de Festas o traballo realizado. Non é nada fácil, nos tempos que corren, levar a bo porto unhas festas patronais, e moito menos dende unha Comisión pouco numerosa. Así pois, a nosa máis sinceira noraboa e o noso desexo de que as actividades programadas resulten un éxito.

As festas patronais de San Bartolo, ó ter lugar a finais de agosto, posúen un significado especial. Representan, na práctica, o final do verán. Despois delas, a xente prepárase para a volta á normalidade, ós estudos, ó traballo, á actividade política… Pero, antes de todo iso, temos catro día de festas por diante. Desfruta delas.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.