A VAC no Parlamento de Galicia

Share Button

Onte debatíuse no Parlamento de Galicia unha iniciativa do PSdeG-PSOE para acelerar o remate das obras da Vía de Alta Capacidade (VAC), que foi rexeitada debido ós votos en contra do PP. Diario de Ferrol faise hoxe eco do acontecido, publicando a nova que reproducimos a continuación.

 

Socialistas e nacionalistas censuran a negativa do PP de non querer acelerar os tramos da VAC

 

O Partido Popular rexeitou onte unha iniciativa socialista para axilizar os tramos da VAC para rematar esta infraestrutura no horizonte do 2014. Os rexedores de Ferrol, Vicente Irisarri, e Fene, Iván Puentes, entre outros asistiron onte ao Parlamento para presenciar a votación. O portavoz socialista de Obras Públicas, Pablo López Vidal, acusou onte ao PP de “ter a intención inconfesable de non executar os tramos pendentes da VAC Ferrol- San Cibrao”. Esa foi a conclusión a que dixo chegar o voceiro logo do rexeitamento por parte dos “populares” á iniciativa socialista de impulsar esta actividade.

 

Sobre esta cuestión tamén se pronunciou onte o rexedor fenés, Iván Puentes, quen lamentou que existindo como existe un acordo do Goberno Central de rematar o tramo que é da súa competencia -San Cibrao-Barreiros- no 2014 o goberno da Xunta non apure o seu cronograma. Na mesma liña se manifestou Vicente Irisarri, quen engadíu que resulta especialmente criticable o voto dos deputados “populares” de Ferrolterra, “que deberían ser conscientes da fundamental trascendencia desta infraestrutura viaria para o desenvolvemento económico e a vertebración social do Norte de Galicia”. Pola súa banda, a deputada socialista Beatriz Sestayo calificou de “insólito que Feijóo e o PP veten no Parlamento galego a iniciativa socialista para axilizar o remate da VAC e voten en contra aquí do que votaron a favor en Madrid”, dixo.

Vicente Irisarri tamén manifestou que chegados a este punto non descarta medidas de mobilización social para responder a esta falla de compromiso. De feito, o vindeiro día 13 está previsto que se organice outro encontro entre alcaldes, empresarios e institucións para debatir sobre este asunto. Nesta ocasión o encontro será en Viveiro, en Lugo.

BNG > Pola outra banda, a portavoz de Infraestruturas do BNG, Teresa Táboas, lamentou onte que o PP volva impedir no Parlamento que se inste á Xunta a reclamar perante o goberno do Estado un cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que permitan rematar a vía no horizonte do 2013-2014.

Táboas defendeu a súa enmenda á proposición dos socialistas e concluiu asegurando que os nacionalistas “somos teimudos porque creemos na potencialidade deste territorio e as súas necesidades”.

Fonte: Diario de Ferrol

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.