Adeus a Isaac Díaz Pardo

Share Button

O intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920) faleceu hoxe, despois de varios días de ingreso hospitalario por mor dunha neumonía. Fillo de Camilo Díaz Baliño, artista nado en Ferrol e fusilado polo franquismo, Isaac foi un traballador e activista incansable, un creador e promotor de múltiples iniciativas culturais, un magnífico exemplo –seguramente o mellor en Galicia- de que é posible crear e manter proxectos empresariais ó servizo da sociedade.

Isaac forma parte, hoxe máis que nunca, do patrimonio de tód@l@s galeg@s. Mais nestes tempos complicados, que os ideólogos do capital queren convertir en post-políticos, cómpre lembrar que Isaac foi un defensor do socialismo galeguista. Apoiou en múltiples ocasións ó PSdeG-PSOE e tivemos o privilexio de escoitalo en numerosos actos do partido.

A última vez que Isaac estivo en Cariño foi convidado polo goberno municipal socialista. O día 26 de xullo de 2004 pronunciou na Casa da Cultura a conferencia inaugural das I Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local, acompañado na mesa polos nosos compañeiros José Luis Armada (entón Alcalde), Ana Fachal (concelleira) e o intelectual e técnico cultural Felipe Senén. Isaac falou aquel día do proxecto Sargadelos. Como fixo sempre ó longo da súa vida, veu sen facer ruido, coa súa humildade habitual, coa intención de apoiar unha iniciativa que daba os seus primeiros pasos, de maneira totalmente desinteresada e sen cobrar un peso.

Vivimos tempos difíciles. Os responsables desta crise económica mundial facéndolle pagar os seus excesos á cidadanía; a dereita no poder; os medios de comunicación progresistas pechando ou pasando serias dificultades (agora Público, pero antes foron outros); e por se fose pouco vanse referentes éticos e intelectuais como Díaz Pardo. Precisamente por iso, temos que seguir pelexando. Porque estamos en débeda con persoas que, como Isaac, traballaron incansablemente para acadar un mundo mellor.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.