Adeus a Melchor Roel

Share Button

altA primeira hora da mañá deste martes pasado deixounos Melchor Roel Rivas, Alcalde socialista de Viveiro, cando contaba 59 anos de idade. Durante unha sesión plenaria do pasado mes de agosto o rexidor anunciara que padecía un cancro de pulmón e que ía someterse a tratamento.

O noso compañeiro, cuxas cualidades humanas veñen sendo recoñecidas de maneira unánime, acreditaba unha longa traxectoria política. Militante do Partido Comunista de Uruguai nos anos 70, foi detido pola dictadura dese país e condeado á cadea. Expulsado despois do país, instalouse en Galicia e traballou na Seguridade Social e no sindicalismo. Vencellado inicialmente ó PCG, foi tamén un destacado dirixente do sindicato Comisións Obreiras na comarca da Mariña. Accedeu á Alcaldía de Viveiro nas siglas do PSdeG-PSOE no ano 2003, formando goberno con BNG e EU. Revalidou o cargo nos comicios de 2007 e 2011. Foi tamén Deputado Provincial en Lugo na lexislatura 2007-2011, asumindo a área de Persoal.

Os membros da Agrupación Socialista de Cariño gardamos un grato recordo de Melchor, con quen coincidíamos ocasionalmente en actos e reunións. Era un firme defensor do Corredor Costeiro, o que nos levou a manter unha relación máis frecuente en momentos nos que o tema acadou maior intensidade. A súa figura ten merecido múltiples eloxios nestes días. O Alcalde de Mondoñedo, Orlando González (BNG), definíuno como amigo, boa persoa e “loitador nato pola clase traballadora”. O Secretario Provincial do PSdeG en Lugo, Juan Carlos González Santín, destacou a súa excelente traxectoria e dixo que era “un home de partido, comprometido con Viveiro e con esta provincia”. O Secretario Xeral do PSdeG e Presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro, falou da “perda irreparable dun verdadeiro defensor da liberdade”.

Como non podía ser doutro xeito, a mellor semblanza da súa figura nestes días atopámola no fermoso comunicado difundido pola súa familia, que queremos reproducir aquí:

“A familia de Melchor Roel Rivas querémoslle manifestar ao pobo de Viveiro e ás súas institucións locais o noso máis fondo agradecemento polas condolencias e mostras de cariño recibidas, así como polo xeito en que se implicaron e aínda o están a facer neste adeus.

Melchor Roel Rivas alicerzou a súa vida en tres valores: a honestidade, a solidariedade e a valentía. Eses tres principios irrenunciables formaron parte da súa maneira de ser e de estar no mundo. Por todo o mundo, porque desde o Mugardos natal marchou con só 3 anos ao Uruguai. Os seus valores non lle permitían tolerar a inxustiza, e a súa loita polas liberdades custoulle ser detido e torturado polos axentes da ditadura militar e padecer o cárcere. Pero non renunciou a aquilo en que cría.

Saíu de Mugardos con 3 anos e regresou con 21. Na chamada Transición continuou coa loita polas liberdades, especialmente necesaria nun momento histórico en que cumpría traballar arreo contra os que pretendían establecer no Estado español un franquismo sen Franco. Fixo este labor primeiro na clandestinidade, máis tarde xa na legalidade, tanto co Partido Comunista como coas Comisións Obreiras.

Como sindicalista fixo unha das cousas máis nobres que pode facer unha persoa: consagrar anos da súa vida a mellorar as condicións de traballo -e, polo tanto, de vida- dos seus compañeiros e compañeiras. Por iso, amais do seu traballo, xa de sobra coñecido, na comarca da Mariña, queremos pór en valor os anos que pasou en Madrid na segunda metade dos noventa negociando o histórico I Convenio Único da Administración Xeral do Estado.

Melchor Roel Rivas foi sementando estes valores alí onde exerceu, e gañou con merecemento o respecto de quen o tratou, tamén no sempre difícil ámbito da política. Eses valores forman parte de nós, Melchor. Sentímonos profundamente orgullosos de que formaras parte das nosas vidas”.

Descansa en paz, compañeiro.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.