Razón Socialista acada o número 35

Share Button

altA revista Razón Socialista, que editan con carácter semestral @s amig@s da Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol, vén de acadar o seu número 35 nos seus 18 anos de existencia. Como dende o primeiro día, a revista segue apostando pola rexeneración da esquerda dando voz a diferentes sensibilidades da esquerda política e social.

Este novo número da revista conta cunha expresiva portada que inclúe un primeiro plano da estatua adicada a Amador e Daniel, traballadores de Bazán abatidos a tiros pola policía franquista nos sucesos do 10 de marzo de 1972, acompañado do lema A solidariedade cambia o mundo: mobilízate! A portada lembra tamén a Victoria Fernández Paredes, militante de esquerdas ferrolá falecida recentemente e á que tamén lembramos o pasado 9 de novembro nesta páxina web.

Como é habitual, as 32 páxinas deste novo número inclúen artigos sobre un variado número de temas. Entre os asinados por militantes socialistas cabe citar os de Manuel Cendán, que leva por título Megasa: apuntes dunha loita inconclusa e no que analiza a situación da empresa; Eva Martínez Montero, que reflexiona sobre a situación do PSdeG a raíz dos últimos procesos orgánicos nun artigo titulado Pasiño a pasiño; Fernando Ocampo, que no seu texto No centenario de Santiago Álvarez analiza a traxectoria do dirixente comunista galego; ou Celso Posada, Secretario de Educación da agrupación ferrolá, que escribe sobre a LOMCE e o ministro Wert nun artigo que leva por título ¡Wert: dimisión ya!

Como é habitual a crise da comarca ferrolá atópase presente en varios artigos, como o de José Martín sobre o naval, que leva por título La joya de la corona, ou o de Manuel A. Rodríguez Carballeira, titulado O informe do Parlamento Europeo sobre a ría de Ferrol: qué trata de ocultar o PP? Esta atención á problemática máis próxima combínase con análises documentadas da escena política internacional, que podemos ler en artigos como Honduras o la condición de una encrucijada, de Mauricio Santos; Occidente o la exportación de “guerras civiles” de Juan Carlos Valle; La revolución bolivariana y la yihad capitalista de José Ángel Fernández Díaz ou Chile, 40 años de Omar Contreras Flores. A situación da igrexa e os cambios que están a producirse coa elección do novo Papa abórdanse no artigo Un novo papado nun mundo de hoxe, de Xaquín Campo Freire.

Outros temas de actualidade que teñen cabida neste número son a violencia de xénero en Galicia, analizada pola funcionaria de Xustiza María Isasi; os ataques ó estado social e especialmente ó sistema público de pensións, que analiza Víctor García Novás no seu texto Deslocalizando yay@s; as preferentes, obxecto dun artigo de Ana Cedeira; ou a traxedia ferroviaria de Angrois, que merece un artigo asinado pola vice-voceira de AGE Yolanda Díaz e que leva por título Cartos ou vidas. Cómpre destacar tamén dous artigos sobre os medios de comunicación, os que asinan Xosé María Fandiño (Medios públicos ou privados? Mellor, honestos) e Nicolás Vidal (As voces e os amos). No ámbito cultural cabería citar O galego, opción futuro! de Xurxo Souto e As Meninas de Canido: un viaje al arte reivindicativo y popular de Eduardo Hermida.

Como xa temos feito noutras ocasións, dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos felicitar @s amig@s de Fuco Buxán é ó Consello de Redacción de Razón Socialista polo excelente traballo que fan na edición desta revista. Unha boa mostra de que nestas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal pensamos e actuamos, aínda que pretendan impedírnolo.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.