Agradecemento e recordatorio sobre o coronavirus: comunicado do Concello de Cariño

Share Button

O drama do coronavirus que estamos a padecer atópase na que probablemente será a súa semana máis crítica. Cómpre seguir actuando con suma prudencia. O Concello de Cariño vén de difundir un comunicado que, polo seu interese, reproducimos a continuación:

Vivimos unhas datas difíciles das que estamos convencidos sairemos adiante máis cohesionados e unidos como sociedade. E cremos que será así porque dende a semana pasada foron moitas as mostras de solidaridade que temos percibido por parte de negocios, asociacións e veciños/as a título individual, e que neste texto buscamos poñer en valor.

Dunha forma máis concreta queremos salientar a predisposición dos supermercados, tendas e farmacias locais á hora de unirse á rede de repartición a domicilio, e dese modo axudar a que ninguén quede illado no acceso a produtos básicos.

A boa planificación anual levada a cabo polo departamento municipal de compras permitiunos dispor de material suficiente para ter afrontado os 11 días transcorridos dende que se decretase o Estado de Alarma ata hoxe, e mesmo poderemos encarar algunhas xornadas máis ata que definitivamente a Xunta de Galicia entregue ó concello o primeiro subministro de máscaras homologadas, luvas de nitrilo ou xeles alcohólicos, algo que a día de hoxe aínda non sucedeu.

A pesar dese stock local previo, queremos agradecer ás clínicas dentais Marful e Dr.Luís Somoza o ter posto a disposición municipal un remanente de luvas e máscaras, respectivamente. Tamén a Xing Long Bazar por ter aportado diverso material de uso sanitario. Grazas.

En canto os colectivos dicir que falamos coa Asociación Patchwork para elaborar máscaras de tea coas que as auxiliares de axuda no fogar poidan reforzar a protección das súas máscaras homologadas. A día de hoxe xa están niso, graciñas por todo. Para o mesmo cometido vimos de recibir esta mañá o ofrecemento da Asociación de Amas de Casa. Moitas grazas a elas tamén.

Acabamos os agradecementos poñendo en valor o papel que as auxiliares de axuda no fogar xogan día a día na nosa sociedade. O seu traballo nestes tempos complexos resulta fundamental.

Desde o Concello de Cariño solicitamos que se extremen as precaucións e lembramos que non debe abandonarse a vivenda a non ser que sexa por unha causa necesaria e xustificada. Ata o día de hoxe xa son seis as denuncias realizadas pola Policía Local referentes a delitos de desobediencia, e cabe lembrar que a gradación deste tipo de sancións vai desde os 601 aos 30.000 euros.

Evitémolas, pola nosa saúde.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.