Ante o Día Internacional das Mulleres

Share Button

altEste domingo, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional das Mulleres. O PSdeG convocou este sábado un acto na Alameda de Santiago de Compostela, xunto á estatua de Rosalía de Castro, no que reivindicamos a figura de Rosalía como muller feminista e progresista, dando lectura a algúns dos seus textos e a un manifesto elaborado pola Secretaría de Igualdade.

O domingo 8 de marzo partidos políticos, sindicatos e organizacións varias teñen convocada una manifestación unitaria co lema Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita, que sairá ás 12 da mañá da Estación de Tren de Santiago de Compostela.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos sumarnos a reivindicación desta importante data. Reproducimos aquí o manifesto da Secretaría de Igualdade do PSdeG (as negriñas son nosas).

 

Cobrar o mesmo e coidar o mesmo

Conmemoramos o 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres, unha data na que o carácter festivo que caracteriza a esta xornada está a ser substituído polas reivindicacións e protestas debido ao deterioro alarmante que están a sufrir as mulleres nos seus dereitos e liberdades dende que goberna o Partido Popular.

Estamos a asistir a un desmantelamento constante das políticas de igualdade por parte dos Gobernos central e da Xunta coa manida escusa da crise económica. A diminución da partida para Igualdade nos Presupostos Xerais do Estado ten sido unha constante, xa que dende que goberna o PP, se recortou nun 33% en termos xerais e nun 22% nas partidas orzamentarias relativas á loita contra a violencia de xénero, unha das principais lacras deste século que, lonxe de erradicarse, está a experimentar un repunte, con especial incidencia e alarma na mocidade. E, no caso da Xunta de Galicia, a situación é similar. Así, dende 2009, os orzamentos en materia de igualdade teñen descendido dramática e drasticamente, pasando dos 60 millóns de euros de entón aos 12,5 deste 2015.

Estamos a asistir a unha utilización das mulleres e a un “mercadeo” dos seus dereitos, como o da maternidade, agora coa reforma dun artigo da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE de 2010 que vulnera o dereito das mulleres de 16 e 17 anos e as pon en perigo ao teren que pedir permiso aos seus pais, nais ou titores en casos de violencia intrafamiliar, desamparo ou desarraigo, co único obxectivo de contentar aos sectores máis retrógrados e ultraconservadores. Pretenden poñer en risco a ese 10% de mulleres de 16 e 17 anos que o artigo 13.4 da Lei de 2010 exclúe da necesidade de informar por causas xustas e perfectamente entendibles, levándoas a situacións de perigo tales como que teñan que pedir permiso para abortar a un pai que a está a maltratar ou, pola contra, recorran a abortos clandestinos para evitar ese duro trámite. O PP prefire perseguir ás mulleres a investir en saúde sexual, educación e prevención, que é o que ten que facer se quere evitar embarazos non desexados.

Estamos a asistir a un intento de eliminar ás mulleres do mercado de traballo para levalas de novo ás súas casas. A Reforma Laboral, cruenta para o conxunto da clase traballadora pero especialmente letal para as mulleres –nestes anos de mandato se teñen perdido 162.00 empregos femininos-, constata que estas medidas agochan unha clara ideoloxía machista. Nesta lexislatura, España caeu 19 postos no informe sobre a brecha de xénero que realiza cada ano o Foro Económico Mundial. En 2007, España estaba no número 10. A peor nota obtena en oportunidades económicas, onde ocupa o posto 84. Neste área, que ten en conta a igualdade salarial, España perdeu oito postos só no último ano.

A depreciación salarial do goberno do PP tamén tivo maior efecto sobre as mulleres. Así, a brecha salarial chegou a alcanzar o 24 por cento nesta lexislatura. Unha brecha que aumenta especialmente na idade de xubilación, pasando do 24 por cento a un 39 por cento. A 1 de xaneiro de 2015, a pensión media dos homes era de 1.178 euros ao mes fronte a 723 euros ao mes da pensión media das mulleres.

Galicia, onde os salarios son os segundos máis baixos de todo o Estado, a desigualdade é aínda máis importante, xa que a estes soldos inferiores hai que engadir que a brecha salarial se ten incrementado, posto que mentres que o salario nos homes baixou nun 1,4%, o das mulleres fíxoo nun 3,3%. É dicir, que a brecha incrementouse en case dous puntos en tan so un ano fronte á media dun punto que rexistra o Estado.

O ano 2014, ademais, foi pésimo para o emprego feminino en Galicia, comunidade na que se perderon case 51.000 postos de traballo de mulleres –supón un descenso do 10%- nos últimos cinco anos. Así mesmo, inverteuse a tendencia de anos anteriores e, segundo os datos da EPA correspondentes ao derradeiro trimestre de 2014, o pasado ano pechouse cunha taxa de desemprego feminino do 21,0% fronte ao 20,8% dos homes, mentres que en 2013 a primeira estaba nun 21,2% e a segunda nun 22,5%. Non podemos esquecer tampouco a temporalidade e precariedade laboral feminina e, a este respecto, a realidade está aí: unha de cada catro mulleres ten un contrato temporal obrigado e non escollido, cunha especial incidencia nas mulleres máis novas, ás que unicamente lles quedan dúas opcións, a de marchar fóra ou a de vivir alternando a temporalidade e precariedade laboral con etapas de desemprego.

Xunto a esta expulsión das mulleres do mercado laboral, precarización das condicións laborais dos que teñen emprego e aumento da brecha salarial, o Partido Popular non realizou ningún tipo de políticas de conciliación nin aumentou o permiso de baixa por paternidade. En 2013, o 95 por cento das excedencias por coidado de fillos correspondía a mulleres e por coidados de familiares máis do 85 por cento.

Fronte a un goberno que fixo recaer sobre os ombros das mulleres a parte máis dura da crise e a deterioración do mercado laboral, dende o Partido Socialista de Galicia apostamos pola paridade, pola corresponsabilidade, por eliminar a brecha salarial, o déficit no emprego das mulleres e a precarización das súas vidas. Apostamos por combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, por defender os dereitos sexuais e reprodutivos e, especialmente, polo dereito das mulleres a unha vida libre de violencia.

Co obxectivo de recuperar o emprego das mulleres e avanzar na corresponsabilidade e a repartición das tarefas de coidados, o Partido Socialista impulsará unha Lei de igualdade salarial e unha Lei de usos do tempo que garanta a idea de “Cobrar o mesmo e coidar o mesmo”, é dicir, eliminar as barreiras para o emprego das mulleres, as diferenzas salariais e a rémora histórica de que as mulleres se responsabilicen case en solitario dos coidados. Calcúlase que en España, por cada 100 horas de traballo remunerado se realizan 127 de traballo non remunerado que recaen maioritariamente nas mulleres. En Galicia, o PSdeG insta á Xunta de Galicia a impulsar medidas que vaian nesta dirección e que comezan coa reposición das partidas que se tiñan destinado a igualdade durante o último goberno socialista e polo desenvolvemento a aplicación das leis estatais e autonómicas que van na liña de eliminar as desigualdades e as brechas existentes entre homes e mulleres.

Este 8 de marzo, as mulleres e os homes socialistas acompañaremos ás organizacións sociais e feministas nas mobilizacións en defensa dos dereitos e a liberdade das mulleres que se celebrarán en todo o territorio. Un ano máis, reiteramos o noso compromiso en defensa da igualdade entre mulleres e homes e facemos un chamamento a toda a cidadanía, ás institucións e ás organizacións para que se sumen á conmemoración do Día Internacional das Mulleres.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.