Zona deportiva: a triste imaxe que proxectamos

Share Button

altÓ remate do pasado verán @s socialistas de Cariño facíamos, nesta mesma web, un repaso pola ampla lista de feitos que ó noso humilde entender reflectían o xeral estado de abandono e desgoberno que atravesa o noso Concello.

A pesares de tal advertencia pouco mudou a situación no semestre transcorrido dende aquela. Malia todo, como indicabamos naquela ocasión, entre a ampla relación de aspectos denunciables merecía unha mención aparte a escombreira que o propio Concello viña de crear nos terreos anexos á pista de pádel (limitando incluso o acceso á mesma, xa de por si lamentable) e ó campo de fútbol municipal. E sobre este último aspecto queremos facer de novo fincapé nesta entrada da nosa web.

Como é ben sabido, cada ano a nosa vila alberga un prestixioso torneo de fútbol base organizado –con moito esforzo e dedicación, e sen percibir nada a cambio- polo C.D. Cariño. Falamos dun evento que é a envexa da comarca (e mesmo máis aló), no que se implica unha parte relevante tanto do comercio como da cidadanía cariñesa, e que acaba por atraer ó noso Concello ós varios centos de visitantes (adestradores, nen@s, familiares dos rapaces, etc…) que durante tres xornadas acoden á competición, o que sen dúbida repercute positivamente na hostalería e no comercio locais.

E o que é máis importante: o nome do noso Concello proxéctase cara o exterior, polo que supón un magnífico escaparate publicitario para Cariño.

Por iso cremos que dende a administración local todo debería ser apoio e colaboración cara o Club Deportivo Cariño.

Ante a proximidade de tal evento, que se celebrará a fin de semana do 3-5 de abril, @s socialistas de Cariño continuamos preguntándonos: qué imaxe levarán de nós aquelas persoas que se acheguen dende outras vilas a desfrutar do torneo no noso campo municipal?

Lembremos que, logo da denuncia pública que fixéramos aló polo mes de setembro, nada mudou. Nos arredores do campo de fútbol municipal segue a reinar unha imaxe patética, caracterizada polos escombros depositados pola propia administración municipal, e que provocan que cada semana os siareiros dos equipos visitantes leven cara as súas terras de orixe unha deplorable percepción do que somos.

Por iso, dende estas liñas solicitamos ó goberno local –unha vez máis, e as que fagan falta- que arranxe esta situación coa maior celeridade, evitando así tirar por terra parte do enorme empeño que a directiva e colaboradores do C.D. Cariño poñen para que todo saia ben. Por suposto, esta solicitude tamén vai a ser cursada de inmediato nas instancias municipais.

Vencellado a este triste suceso, se cabe de xeito paralelo ó mesmo, estamos a percibir –con notable preocupación- un aumento na proliferación de verquidos incontrolados no noso medio natural. Os socialistas de Cariño rexeitamos totalmente este comportamento incívico, máis propio de épocas xa superadas, mais tamén cuestionámonos con qué moralidade o goberno municipal lle pode pedir a un veciño que non abandone os seus enseres domésticos en plena natureza cando é o propio Concello o primeiro en incumprir as máis básicas normas de convivencia e tratamento de residuos.

Foron moitos os esforzos e recursos empregados para inculcar na cidadanía un apropiado tratamento dos residuos mediante campañas de concienciación, peche de vertedoiros incontrolados, charlas en centros educativos, etc…, polo que resulta desalentador comprobar cómo é a propia administración municipal quen contribúe a ofrecer unha indesexable imaxe da nosa contorna.

Rematamos incidindo na idea de que os entes públicos han de ser exemplares -tanto nesta como noutras cuestións- se pretenden que a cidadanía os perciba como referente válido.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.