Apoiando ó sector conserveiro

Share Button

Como xa anunciamos nesta web, o pasado venres 21 o exministro e número 1 da candidatura socialista ó Parlamento pola provincia da Coruña, Francisco Caamaño, realizou unha visita á conserveira cariñesa La Jira. Caamaño estivo acompañado polo noso compañeiro e tamén candidato ó Parlamento –no posto número 10- José Miguel Alonso Pumar. Estiveron presentes ademais os voceiros socialistas nos Concellos de Cariño e Ortigueira, José Luis Armada e Juan Penabad Muras respectivamente, concelleiros e membros da Executiva provincial. Durante a visita á conserveira exerceu de anfitrión Modesto Carrodeguas, que explicou as instalacións e as características máis destacables da súa empresa.

Caamaño aproveitou a visita para reclamar apoio ó sector conserveiro. Denunciou os baixos aranceis que pagan as conservas procedentes dos países do Pacífico, como o atún de Papúa-Nova Guinea, o que produce un agravio comparativo e “impide a competencia real dos nosos produtos no mercado, poñendo en perigo o futuro do sector e os milleiros de empregos que xera en Galicia”.

O exministro e candidato pola provincia subliñou que o sector conserveiro galego é “líder en Europa” e “produce o 80% das conservas de peixe que se elaboran en España”, xerando un importante número de postos de traballo na nosa comunidade, polo que avogou por presionar dende Galicia e Madrid para que as conservas procedentes dos países do Pacífico paguen aranceis á UE, co obxectivo de que o sector galego poda competir “en igualdade de condicións”.

Defendeu tamén negociar “un incremento da cuota de cabala para a flota galega”, pois se trata dun produto que está experimentando un forte incremento da demanda en Rusia e nos países do centro de Europa, explicou. “Se conseguimos incrementar a nosa cuota de captura de cabala, poderemos potenciar tamén a industria conserveira galega”, que ante a contracción que experimenta o mercado interno está apostando decididamente pola exportación. Caamaño destacou a “importante tradición conserveira coa que conta a provincia da Coruña dende Cariño ata Ribeira”, o seu “peso económico” en Galicia, e a modernización das factorías, que permitiu facelas respectuosas co medio ambiente.

A visita tiña tamén como telón de fondo a intención do Parlamento europeo de rexeitar a obrigatoriedade de etiquetar a orixe do produto en conserva, o que sen dúbida vai perxudicar as conservas que se caracterizan pola súa calidade, caso das galegas. Como ten sinalado o candidato cariñés, José Miguel Alonso, esta nova é preocupante para o devir da industria conserveira galega e, ainda máis, para a nosa de Cariño en tanto en canto este sector sempre contou na nosa vila cun plus de calidade, hoxe nacional e internacionalmente recoñecida. O feito de que os envases das nosas conservas leven impreso o nome da nosa vila non so supón unha publicidade gratuita e de prestixio para o concello, senón que tamén lle engaden ó producto unha merecida sona e valor engadido, aspecto o que creo non deberíamos renunciar”. Podes atopar aquí unha reportaxe publicada hai uns días en El País sobre o tema:

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/09/17/actualidad/1347910719_595047.html

Noutra orde de cousas, queremos sinalar tamén que o pasado venres hai tres anos que esta páxina web adoptou o seu actual formato, con actualizacións frecuentes nesta páxina principal. Dende entón temos colgado aquí un total de 469 entradas e a páxina vén experimentando un incremento gradual no número de visitas.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.