As nosas suxerencias: a memoria fotográfica do mundo do traballo

Share Button

Cumplindo a cita semanal coa nosa sección de suxerencias, hoxe queremos referirnos aquí a dúas mostras fotográficas de carácter moi distinto, mais cun denominador común. Este vén dado polo compromiso modesto pero firme que, dende esta páxina web, vimos tentando manter coa memoria histórica do mundo do traballo e das clases traballadoras.

Por esta razón non queremos pasar por alto a exposición fotográfica de Ruth Matilda Anderson que, dende hai xa meses, pódese contemplar nas sedes da Fundación Caixa Galicia de diversas cidades galegas. Tras pasar pola Coruña ou Ferrol, dende hai moi poucos días atópase na cidade de Santiago de Compostela.

A fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson (1893-1983) traballou na Hispanic Society of America, unha institución neoiorquina fundada por Archer Milton Hungtinton, un namorado da cultura española que invertíu a fortuna herdada da súa familia en coleccionar libros, obras de arte e fotografía de tema hispánico.

Entre os anos 1924 e 1926, Ruth Matilda fixo en Galicia, por encargo da Hispanic Society, dúas longas campañas de fotografía etnográfica. Os principais froitos deste traballo son os que agora poden ser contemplados nesta exposición itinerante, que vén merecendo a atención dos principais medios de comunicación galegos.

Se aínda non tiveches ocasión de facelo, recomendámosche que visites a exposición. Como alternativa, tamén é recomendable botar unha ollada ó catálogo da mostra, un voluminoso libro que reproduce tódalas fotografías que a compoñen e que, de seguro, poderás consultar en moitas bibliotecas galegas. As imaxes obtidas por Ruth Matilda Anderson constitúen un excelente testemuño da Galicia dos anos 20 do século pasado e da vida, en moitos casos chea de penurias, das súas clases traballadoras.

Pola súa parte, o Museo Reina Sofía de Madrid inaugura este mércores unha exposición sobre fotografía documental proletaria, que recolle imaxes de toda Europa datadas entre os anos 1926 e 1939. A mostra leva por título Una luz dura, sin compasión. El movimiento de la fotografía obrera. 1926-1939. Neste caso, é máis difícil que podamos achegarnos a vela, pero recomendámosche a lectura da reportaxe aparecida hoxe no xornal Público:

http://www.publico.es/culturas/369368/a-la-luz-de-una-fotografia-sin-compasion 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.