As nosas suxerencias: Federica Montseny en Cariño

Share Button

A nosa sección semanal de suxerencias adicámola nesta ocasión a un recente libriño de grande interese histórico. Trátase dunha nova edición dos textos que a histórica dirixente anarquista Federica Montseny adicou a Cariño trala súa visita á nosa vila en 1935.

A política e sindicalista Federica Montseny (1905-1994) foi a primeira muller que ocupou un ministerio en toda Europa occidental. Fíxoo en tempos difíciles, durante a II República e xa iniciada a Guerra Civil (concretamente, entre novembro de 1936 e maio de 1937). Rematada a Guerra tivo que exiliarse a Francia, onde residíu en liberdade vixiada ata o seu regreso a España en 1977.

Antes destes acontecementos, a histórica dirixente da CNT fixo unha viaxe por Galicia entre o 3 e o 16 de decembro de 1935, visitando Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, A Coruña, Lugo, Carballo e Ourense. Trala viaxe, Montseny plasmou a súa experiencia, en varias entregas, nunha revista da época. No relato reflexa a admiración que lle causou o noso pobo, que naquel entón contaba cunha moi elevada afiliación á CNT.

Agora a editorial Trifolium acaba de recoller estes textos, traducidos ó galego, nun libriño que leva por título Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935. O libro conta cun limiar do historiador Eliseo Fernández, experto na historia do movemento obreiro galego e a quen xa nos temos referido aquí nalgunha ocasión.

Proximamente faremos nesta páxina unha glosa máis pormenorizada das reflexións da histórica dirixente sobre a nosa vila. De momento, remitímosche a algunhas páxinas onde podes ler algo máis sobre Montseny e a súa visita a Cariño.

En primeiro lugar, un post no blog da editorial Trifolium onde se anuncia a publicación deste libro e a súa próxima presentación:

http://editorialtrifolium.blogspot.com/2011/03/presentacion-de-impresions-dunha-viaxe.html

O xornal dixital A Nosa Terra publicou hai un mes unha reportaxe sobre este recente libro:

http://www.anosaterra.org/nova/unha-ministra-anarquista-visita-galiza-.html

Por último, podes atopar un breve perfil biográfico de Montseny na entrada que lle adica a Wikipedia:

http://es.wikipedia.org/wiki/Federica_Montseny 

Por certo, o xornal Público entrega co exemplar de mañá sábado La indomable, un libro de Montseny, formando parte da súa colección Voces Críticas. 

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.