As nosas suxerencias: ¡Indignaos! de Stéphane Hessel

Share Button

Non é nada frecuente que un libro que critica o sistema capitalista e chama á participación política da xuventude acade un altísimo impacto mediático.

Hai escasos días, a publicación da versión española de ¡Indignaos!, do alemán de nacemento e francés de traxectoria vital Stéphane Hessel, acaparou a atención de numerosos medios escritos. Non só xornais como Público ou Le Monde Diplomatique en español (cun artigo de Ramonet en portada) fixéronse eco deste evento editorial. Tamén La Voz de Galicia, no seu suplemento Culturas do sábado pasado, adicoulle unha reseña que asina Luis Pousa.

O certo é que non é para menos. A edición orixinal francesa deste libriño, que leva por subtítulo Un alegato contra la indiferencia y a favor de la insurrección pacífica, vendeu no país veciño máis de 1.300.000 exemplares. O seu autor, Stéphane Hessel, ten 93 anos e foi membro da Resistencia Francesa, estivo preso nun campo de concentración e anos despois convertíuse en diplomático. En 1948 formou parte da equipa redactora da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

¡Indignaos! é, basicamente, un alegato a favor da mobilización da xuventude, da súa implicación en política e da loita contra a dictadura dos mercados que está levándose por diante, en todo o mundo, os avances sociais consolidados na segunda metade do século XX. Como se nos dí no prólogo: "Chicos, cuidado, hemos luchado por conseguir lo que tenéis, ahora os toca a vosotros defenderlo, mantenerlo y mejorarlo; no permitáis que os lo arrebaten".

O excelente Prólogo a esta versión española, publicada por Ediciones Destino, corre a cargo do insigne economista, escritor e pensador de esquerdas José Luis Sampedro, quen entre outras afirmacións interesantes aporta a seguinte: "Actualmente en Europa y fuera de ella, los financieros, culpables indiscutibles de la crisis, han salvado ya el bache y prosiguen su vida como siempre sin grandes pérdidas. En cambio, sus víctimas no han recuperado el trabajo ni su nivel de ingresos".

O papel da socialdemocracia neste contexto é complicado, mais son evidentes dúas cousas: a primeira, que a saída da crise e a construcción dun mundo máis xusto, igualitario e solidario só pode vir desta orientación ideolóxica; a segunda, que o papel da xuventude é fundamental neste escenario de loita política.

Na Agrupación Socialista de Cariño témolo claro e, por esta razón, a xente xoven vai a ser unha parte esencial do proxecto que estamos a preparar para os vindeiros catro anos.

O libriño de Hessel, coas súas 60 páxinas, é unha lectura amena, breve, incisiva e necesaria nestes tempos. Por esta razón é a nosa suxerencia da semana.

Está xa anunciada a publicación da versión galega, cun prólogo a cargo de Manuel Rivas.

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.