Balance breve e perspectivas para o novo ano

Share Button

Tras un ano, o 2017, no que esta páxina web estivo en proceso de renovación e con escasa actividade, no 2018 retomamos a publicación regular de contidos. Foron un total de 19 as entradas que subimos a esta páxina no ano que acaba de rematar, a maioría delas (9) dedicadas a temas locais ou relacionados coa política municipal. Outras 7 entradas estiveron relacionadas coa política supramunicipal ou con temas comarcais. Dúas entradas pertencen á serie Pensar dende a esquerda e unha entrada dedicámola a explicar os cambios realizados na web. Destas 19 entradas, 16 estiveron acompañadas de imaxes e 3 contiñan só texto.

O 2018 foi un ano politicamente intenso, tanto no ámbito municipal como a nivel nacional e internacional. O mes de xuño iniciouse coa inesperada victoria de Pedro Sánchez na moción de censura, que levou a un necesario cambio de goberno para relevar a un Partido Popular acorralado pola corrupción. Dende entón, o goberno socialista presidido por Sánchez vén despregando unha intensa actividade cunha axenda marcadamente social que agardamos logre consolidarse en 2019.

Este ano será tamén moi intenso no plano político e estará marcado polas eleccións municipais do 26 de maio. Ese día terán lugar tamén as eleccións europeas, así como eleccións autonómicas na maioría das Autonomías do Estado (todas exceptuando Galicia, País Vasco, Cataluña e Andalucía). A Agrupación Socialista de Cariño está traballando para voltar a ofrecer un proxecto gañador que reciba o apoio maioritario da cidadanía cariñesa. Así pois, o noso reto para os vindeiros meses é contribuír a explicar o traballo realizado polo Goberno Municipal, perfilar os equipos e o proxecto político que permitan consolidar o traballo realizado nesta lexislatura, e organizar as actividades da precampaña e campaña. Os logros acadados son importantes, pero é necesario continuar co camiño emprendido trala recuperación do Goberno Municipal en 2015.

Como en anos anteriores, queremos tamén lembrar a personas do ámbito da esquerda que nos deixaron en 2018 e que nos inspiraron coa súa acción política ou coas súas ideas. Sen ánimo de exhaustividade, e pedindo desculpas polas omisións, vaia o noso recordo e recoñecemento para Miguel Cortizo, Suso Mosquera, Xosé Luis Rodríguez Pardo, Carmen Alborch, Ramón Chao, Josep Fontana, Antonio Fraguas “Forges”, Gonzalo López Alba, Jacobo Muñoz Veiga, Josefina Samper, Samir Amin, Kofi Annan e António Arnaut.

O 2019 será tamén ano de aniversarios. O noso partido cumpre 140 anos e esta web cumpre unha década co seu formato actual de publicación regular de entradas nesta páxina principal. Falaremos aquí da significación de ambos aniversarios.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.