Leiceaga visita o Centro de Saúde de Cariño para denunciar o desmantelamento progresivo da sanidade por parte da Xunta

Share Button

O voceiro do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, estivo en Cariño o pasado xoves, 7 de febreiro, acompañado doutros deputados socialistas e de varios alcaldes e concelleiros da comarca, para alertar da perda sistemática dos servizos de Pediatría en Galicia.

Leiceaga, que visitou o Centro de Saúde de Cariño acompañado dos alcaldes de Cariño e Cerdido e de representantes de Cedeira e Ortigueira, denunciou o “desmantelamento progresivo” da sanidade pública por parte do goberno galego, sinaladamente no servizo de Pediatría. Anunciou que os socialistas galegos levarán unha pregunta oral ó Pleno do Parlamento que se celebra a vindeira semana sobre a “grave situación na que se atopa o servizo de pediatría” nos concellos das comarcas de Ferrol e Ortegal. Leiceaga reivindicou unha “maior atención ás necesidades sanitarias en Atención Primaria, e singularmente no servizo de Pediatría”, tal e como están reclamando os pediatras, os grupos parlamentarios e os representantes da sociedade.

O responsable socialista reclamou unha “atención sanitaria tendencialmente homoxénea no territorio para tratar a tódolos cidadáns por igual, cos mesmos niveis de coberturae cunha sanidade “máis robusta que atenda ás necesidades da xente. Criticou que o goberno galego leve dez anos retirando e desmantelando servizos ó mesmo tempo que lle pide á sociedade que revitalice a demografía e manteña a presenza no territorio.

Leiceaga instou a unha mellora substancial na atención sanitaria comezando pola recuperación das condicións de traballo do persoal, con máis estabilidade laboral. Sinalou a situación concreta da Pediatría, onde dixo que “cumpre empezar por acreditar ás unidades docentes para que poida haber máis prazas MIR e polo tanto unha oferta de pediatras que cubran o conxunto do territorio” e paliar así os dez anos de retraso que ten acumulados o goberno galego.

No encontro cos alcaldes de Cariño e de Cerdido, José Miguel Alonso Pumar e Benigno Galego, tamén participaron o voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, e o deputado da zona José Manuel Pérez Seco, así como representantes institucionais dos concellos de Cedeira e Ortigueira, como xa sinalamos.

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, reivindicou a substitución e reposición de baixas dos facultativos de Pediatría no Centro de Saúde de Cariño. Sinalou ademais a urxencia de restituír o servizo en Cerdido, As Somozas, Moeche e San Sadurniño, que veñen de quedar sen especialista de Pediatría mentres o goberno galego quere manter a atención con profesionais non especializados, co que “o servizo non é axeitado”.

Alertou ademais que as baixas tanto de Cariño como de Ortigueira e Mañón “non son substituídas, co que o servizo queda en suspenso e os pacientes son derivados a Cedeira, onde os seus veciños tamén se ven afectados por un servizo que pasa de responder a un único concello a sumar os pacientes de catro termos municipais.

Este domingo, 10 de febreiro, terá lugar en Santiago de Compostela unha Manifestación pola Sanidade Pública Galega, que partirá ás 12 da mañá da Alameda desta cidade. As persoas que desexen asistir poden facer uso do autobús que sairá ás 9:30 da mañá dende a Casa do Concello de Cariño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.