Comeza o curso político 2010-2011

Share Button

Habitualmente, sobre todo a nivel mediático, concíbese a temporalidade no eido da política dun xeito moi semellante ó curso escolar. No verán a actividade parlamentar, sexa a nivel estatal ou autonómico, detense e, en xeral, a actividade política pasa a un segundo plano. Así, consideráse que o curso político, como o escolar, comeza en setembro.

 

 

No ámbito municipal as cousas son algo distintas. Os concellos asumen competencias importantes nos sectores turístico, lúdico-deportivo, festivo, cultural… que supoñen traballo para os seus responsables políticos. No caso de Cariño, as festas de verán, o Ortegal Rock ou a Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada, entre outras actividades, non permiten deterse ós integrantes do Grupo Municipal Socialista. Este ano, como os anteriores, o traballo foi intenso, pero o balance que facemos é moi positivo, especialmente no caso do Ortegal Rock e das Festas de San Bartolo. Dende aquí temos que agradecer a toda a cidadanía cariñesa a súa implicación, así como especialmente ás persoas que colaboran desinteresadamente para que as festas sexan unha realidade.

 

 

Se, en certa medida, tamén pode dicirse que o comezo de setembro supón o inicio do curso político no ámbito municipal é porque a atención volta a centrarse noutros temas. Para este outono-inverno agardan realidades e retos importantes, como a apertura da piscina municipal, o Centro de Día e Residencia de Maiores, o Polígono Industrial, as obras do Centro Social de Feás, a reinvidicación do servicio diario de pediatría e outras moitas cuestións das que irás tendo información puntual. 

 

 

O presente curso político 2010-2011 acollerá ademais as eleccións municipais, no mes de maio do vindeiro ano. Para nós as lexislaturas duran catro anos, polo que o Grupo Municipal Socialista seguirá a traballar a pleno rendemento no Concello ata o último día da lexislatura. Sen embargo, mentiríamos se dixésemos que non imos a preparar as eleccións municipais coa adicación e a antelación que merecen. Despois de ter gañado nas dúas últimas contendas, en 2003 e 2007, traballaremos a reo para manter a condición de forza máis votada en 2011. Avecíñase un curso político apaixoante. Visita asiduamente a nosa páxina e tentaremos que non perdas detalle.

 

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.