Conferencia Política, unha oportunidade para (re)construir a alternativa

Share Button

altDende onte venres e ata mañá, domingo 10 de novembro, o PSOE está a celebrar en Madrid a Conferencia Política que pon fin a varios meses de traballo nos que o partido –en colaboración con moitas persoas alleas ó mesmo- estivo a facer unha intensa actualización e redefinición do seu proxecto político.

O resultado deste traballo preparatorio é un documento político de case 400 páxinas cun total de 1798 principios ou propostas, que foi coordinado por Ramón Jáuregui. Non é fácil, no panorama actual, atopar un esforzo programático e propositivo de tal envergadura, por máis que sempre podan formularse matices puntuais, obxecións ou enmendas. De feito, esa é unha das principais misións da cita desta fin de semana: debatir e votar as enmendas propostas pola militancia para obter a versión definitiva do documento político.

Por razóns evidentes, o documento non é un programa electoral, que deberá ser elaborado cando toque e coa participación destacada do candidato ou candidata á Presidencia do Goberno. Esta Conferencia tampouco entra no debate das persoas, que deberá ser abordado nos tempos e formas que corresponden, nin en temas candentes como o modelo territorial. Ninguén pode pensar, polo tanto, que a cita desta fin de semana constitúe un punto de chegada, pero dende logo debe valorarse na súa xusta medida como un importante esforzo de actualización do ideario progresista.

A Conferencia Política aposta por cambios relevantes tanto no eido da acción pública como no estrictamente orgánico. En canto ó primeiro, destaca por exemplo unha nova fiscalidade, máis xusta e redistributiva, mentres que no segundo a elección d@s candidat@s mediante un procedemento de primarias abertas á cidadanía eríxese como unha das propostas máis relevantes.

Destacan ademais propostas de claro contido social e a favor das persoas máis desfavorecidas, como a de impedir por lei que poda cortárselles o suministro de electricidade, gas e auga cando se atopen en situación de pobreza. Trataríase, pois, de instaurar un novo dereito cidadán ó auga e á enerxía, de xeito que ninguén poda verse privado destes servizos esenciais para cubrir as súas necesidades básicas. Outra iniciativa relevante, na mesma dirección, é o escudo fiscal para que parados, pensionistas con ingresos reducidos e traballadores/as con fill@s ó seu cargo e rendas inferiores ós 16.000 euros brutos anuais non paguen o IRPF. Desta medida beneficiaríanse uns 5 millóns de contribuíntes e devolvería ós cidadáns 5.000 millóns de euros incrementando así a súa renda para o consumo. A reforma fiscal permitiría incrementar os ingresos do estado en 50.000 millóns de euros nos vindeiros cinco anos sen subir impostos. Outras medidas son prohibir expresamente na Constitución as amnistías fiscais, un novo imposto sobre a riqueza unificando nun só gravame o IRPF e o do patrimonio, elevar o tipo impositivo ás grandes empresas ou unha nova taxa ós bancos.

Varias das intervencións que se veñen producindo, como as da presidenta andaluza Susana Díaz, o presidente asturián Javier Fernández ou a Vicesecretaria Xeral Elena Valenciano, incluíron as imprescindibles doses de autocrítica.

Esta Conferencia Política pecha un intenso traballo de actualización ideolóxica e supón un importante paso adiante na necesaria redefición do proxecto político do noso partido. A cita coincide, ademais, poucas semanas despois da elección do novo Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Queda moito traballo por diante para levar á práctica as propostas que esta fin de semana están a discutirse, para construir candidaturas electorais sólidas nas vindeiras eleccións europeas e municipais, e para decidir colectivamente quén encabezará o cartel socialista ás vindeiras eleccións xerais. A Conferencia Política é polo tanto un paso máis –pero un paso importante- no inxente esforzo de reconstruir a alternativa que este país necesita.

Aquí podes acceder á web da Conferencia Política, descargar o documento marco e seguir en directo as principais intervencións que se están a producir:

http://conferenciapolitica.psoe.es/siguelo/en-directo

http://www.ganarseelfuturo.es/inicio

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.