Contrastes: notas sobre depuración e saúde ambiental

Share Button

Comezamos hoxe unha nova sección semanal nesta web que leva por título Contrastes. Partindo da base de que a acción política analízase mellor dende unha perspectiva comparada, o noso obxectivo aquí será establecer diferencias entre as actuacións en diversas áreas das dúas opcións políticas máis votadas no ámbito municipal cariñés.

Contrastes súmase así a outra sección que arrancou a semana pasada co título Crónicas dun longo agravio. Unha terceira sección iniciará a súa andaina a vindeira semana co título Propostas programáticas. O seu obxectivo será ir desgranando, de maneira pormenorizada e razoada, os contidos máis relevantes do noso programa electoral. Ó mesmo tempo, imos poñer en pausa a sección As nosas suxerencias ata despois do 22 de maio, xa que nas vindeiras semanas esta web estará bastante cargada de contidos.

Ó fío dunha nova que tivo onte cabida en varios xornais, queremos comezar os contrastes falando de diversos aspectos relacionados co saneamento e a saúde ambiental. A nova á que nos referimos, como podes supor, é a relativa ó dictame da Unión Europea sobre o incumprimento da súa directiva de recollida, tratamento e verquido de augas residuais urbanas e industriais por parte de diversos núcleos urbanos do estado español, entre os cais atoparíase supostamente Cariño.

Sobre esta cuestión concreta hai que aclarar varias cousas. A principal é que ese dictame refírese a unha situación do pasado. A día de hoxe, Cariño conta cunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) en funcionamento. Así o recoñeceu onte alguén tan pouco sospeitoso de socialismo como o presidente autonómico Núñez Feijóo en declaracións á edición galega de El País, referíndose explicitamente a Cariño. En segundo lugar, é evidente que a lista de núcleos de poboación mentada pola Unión Europea ampliaríase dun xeito moi notable cunha análise máis rigurosa. Un terceiro aspecto a destacar é que, como subliñou onte o noso Alcalde en declaracións á prensa, cando aínda non tiñamos depuradora as augas residuais levábanse directamente detrais do espigón, en mar aberto, onde os danos contaminantes son moito menores que se fosen a parar a unha ría ou ó interior do porto.

Aclarados estes puntos, cómpre facer unha valoración política de máis longo percorrido. ¿Onde está a raíz deste problema? A resposta é moi sinxela: en que o PP non fixo absolutamente nada en materia de saneamento e saúde ambiental nos oito anos que estivo á fronte do goberno municipal cariñés (1995-2003).

Dito doutro xeito, tódalas iniciativas relevantes nesta área débense a gobernos municipais liderados por nós, tanto en solitario como en coalición. A saber: supresión do verquedoiro na estrada ó Cabo Ortegal (na chamada curva do butano); eliminación de verquedoiros incontrolados; implantación do sistema de contenedores e recollida en camión compactador; recuperación da fachada marítima e dos areais da Basteira; as dúas fases do saneamento integral (a segunda coa depuradora actualmente en funcionamento), etc.

A primeira fase do saneamento integral quedou rematada na primeira etapa socialista á fronte do Concello. Cando o PP asumíu o goberno municipal, en 1995, podería ter iniciado de inmediato os trámites para acometer a segunda fase. Nada se fixo en oito anos.

Así as cousas, cando recuperamos o goberno municipal en 2003 propuxémonos como un obxetivo prioritario rematar o saneamento integral de Cariño, executando a segunda fase. Ó pouco tempo de recuperar a Alcaldía, José Luis Armada celebrou unha reunión en Santiago co Presidente da Xunta, que naquelas datas era Manuel Fraga. Un dos temas que lle plantexou foi precisamente a construcción da depuradora. A obra executouse en tempos do bipartito presidido por Touriño e supuxo o investimento máis elevado que se ten feito en Cariño, cunha cifra próxima ós 1.000 millóns das antigas pesetas, incluindo o mantenemento das instalacións para un período de 20 anos.

Aínda queda algún fleco por resolver no ámbito do saneamento e a saúde ambiental. Sen ir máis lonxe, estamos traballando para solventar algúns problemas que se veñen producindo no alcantarillado. Algúns retos a máis longo prazo terás oportunidade de coñecelos no programa electoral.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.