Festas de San Bartolo 2016

Share Button

Avanza este intenso mes de agosto cheo de actividade. A excelente programación da Mostra de Teatro está chegando ó seu fin e axiña darán comezo as Festas de San Bartolo.

A Comisión de Festas, coordinada dende o Concello e na que colaboran os colectivos e asociacións, vén de publicar o programa dos festexos, que como soe ser tradición prolóngase durante catro días.

O martes 23 de agosto, ás 11 da mañá, terán lugar actividades infantís con Mundo Diversión na Praza Roxa (hinchables, espuma, etc.). Esa mesma mañá, ás 12 horas, lanzaranse as bombas de palenque. Pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras Breixa Band e Los Españoles. Convén lembrar que ese mesmo día a etapa de La Vuelta 2016 remata no noso Concello, concretamente en Vixía Herbeira.

A programación do mércores 24 arrancará ás 11 da mañá co pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo e da Danza de Arcos. Ás 12 terá lugar a misa solemne e a posterior procesión acompañada da Banda de Música de Narón, da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo e da Danza de Arcos. O Trofeo San Bartolo de fútbol, na categoría xuvenil, disputarase a partir das 18:30 horas. Pola noite actuará a orquestra Costa Dorada e, a partir das 23:30, Sanjurjo & Dopico e Sés, que constitúen o prato forte destas festas no plano musical.

O xoves 25 contará co pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo e da Danza de Arcos, a partir das 11 da mañá, que estará seguido da misa solemne (12 horas) e posterior procesión, acompañada novamente destas dúas agrupacións cariñesas e da Banda de Música de Outes. A partir das 18 horas celebrarase o Entroido de Verán, cun desfile de disfraces que partirá do Polideportivo Municipal en dirección á Praza Roxa, onde a música correrá a cargo de DJ Party. Pola noite, actuarán a orquestra Suavecito e novamente DJ Party.

O venres 26 de agosto o pasarrúas da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo dará comezo ás 11 da mañá e a mediodía celebrarase a tradicional Xira Campestre na Solana, que contará coa actuación do dúo Caramelo. Pola noite, a verbena correrá a cargo das orquestras Acordes e Emperadores.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos animar a toda a cidadanía a desfrutar deste programa de festexos, ó tempo que expresamos o noso recoñecemento ó Concello pola coordinación da Comisión de Festas, así como a tódolos colectivos e asociacións que colaboraron na recadación.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.