Inauguración da piscina municipal: discurso da Alcaldía

Share Button

Como xa fixemos noutras ocasións, reproducimos na nosa web o discurso que o Alcalde de Cariño, José Luis Armada, pronunciou o pasado sábado no acto de inauguración da piscina municipal:

 

Excelentísimo Sr. Presidente da Deputación Provincial, Corporación Municipal, autoridades, señoras e señores.

Quero comezar agradecendo especialmente a presencia do Presidente da Deputación Provincial, D. Salvador Fernández Moreda. Non só por estar hoxe aquí representando á institución provincial, senón tamén porque, gracias ó seu apoio e determinación, o proxecto da piscina municipal, que hoxe inauguramos, é unha realidade.

A piscina cuberta climatizada é un servizo longamente desexado pola cidadanía cariñesa. O amplo número de usos que ofrece un edificio destas características, tanto de tipo deportivo como terapéutico ou incluso formativo, permite asegurar que terá unha ampla demanda en tódalas franxas de idade.

Estas novas instalacións están equipadas coa máis moderna tecnoloxía. Contan con dous vasos, un deles para os máis pequenos; inclúen, ademais, varias instalacións de termo-hidroterapia, como sauna seca e de infravermellos con aromaterapia, ducha bitérmica, baño de vapor ou hamman con cromoterapia e aromaterapia, e bañeira de hidromasaxe con ozonificación e depuración salina.

Por outro lado, nuns tempos nos que a crise enerxética é unha realidade innegable, esta piscina municipal é pioneira no uso de enerxías alternativas, o que garante a súa sostenibilidade. Aforro enerxético e compromiso co medio ambiente conxúganse nestas novas instalacións gracias a unha aposta decidida do Concello de Cariño.

Por último, considero importante destacar que estas instalacións son froito dun importante esforzo económico feito pola Deputación da Coruña e o propio Concello de Cariño. É responsabilidade de toda a cidadanía cariñesa coidalas e facer un uso responsable das mesmas, coa finalidade de garantir a súa perdurabilidade e o seu uso por parte das xeracións vindeiras.

Gracias e boa tarde.

 

Lembrámosche que se queres darte como usuari@ da piscina municipal, podes facelo dende hoxe mesmo nas propias instalacións en horario de mañá.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.