Inauguración Distrito Marítimo: primeiras impresións

Share Button

Esta mañá tivo lugar a inauguración da nova sede do Distrito Marítimo de Cariño, construida polo Ministerio de Fomento. No acto participaron, entre outras autoridades e cargos públicos, o Secretario Xeral de Transportes, José Luis Cachafeiro; a Directora Xeral de Mariña Mercante, Isabel Durántez; o Subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel Pose; e o noso Alcalde, José Luis Armada.

O novo edificio, situado entre o Mercado Municipal e o Centro de Saúde, supón unha inversión próxima ós 700.000 euros. Para nós a posta en funcionamento desta nova sede constitúe un importante motivo de ledicia por varias razóns. Unha das principais é que foi na anterior etapa socialista á fronte do Concello cando conquerimos para Cariño a daquela chamada Capitanía Marítima. Con anterioridade, e como sucedía para moitas outras cousas, había que desprazarse para facer os trámites.

A outra razón pola que nos sentimos especialmente satisfeit@s é porque este novo edificio consolida unha aposta que iniciamos hai moitos anos: a recuperación da fachada marítima de Cariño e a ubicación na mesma de edificios e servizos públicos. Actualmente ubícanse nesta zona a Casa do Concello, o Mercado Municipal, o Distrito Marítimo e o Centro de Saúde. Cómpre non esquecer, sen embargo, a situación da que partimos (Campo de Fútbol sobre a praia, río Cheirón, Casas dos Mariñeiros abandoadas, entornos moi degradados en varias zonas da fachada marítima…). Foi unha aposta dura correxir aquela situación, que incluso tivo no seu día un custe electoral importante. Hoxe ninguén pode negar que foi unha aposta acertada. A inauguración deste novo edificio ten, polo tanto, un sabor especial tamén por esta razón.

O xornal La Voz de Galicia, na súa edición dixital, ten xa publicada unha primeira nova sobre o evento. Podes atopala aquí:

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2011/02/18/00031298033030744264597.htm  

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.