Informe sobre as adxudicacións de infraestructuras viarias

Share Button

A Portavocía de Infraestructuras do Grupo Parlamentario Socialista vén de difundir un informe sobre as adxudicacións de infraestructuras viarias por parte da Xunta de Galicia con datos sumamente clarificadores.

 

Esta análise baséase nun dato obxectivo, que é a publicación no Diario Oficial de Galicia das adxudicacións definitivas, que pon fin a todo proceso de contratación de obra pública.

 

Dita comparativa amosa que entre xaneiro e xullo do ano 2009 axudicáronse case 360 millóns de euros en obra pública, mentres que este ano, durante o mesmo período (xaneiro-xullo) a cifra non chega ós 112 millóns de euros. Este descenso supón unha minoración de 247.653.248,01 euros e unha reducción porcentual do 69 %.

 

O informe SEOPAN sobre licitación de obra pública amosa datos demoledores. O Goberno Socialista da Xunta licitou 1030 millóns de euros no período 2008-2009. Nun período de tempo equivalente, en 2009-2010, a Xunta de Feijóo leva licitados só 623 millóns de euros. En total, unha minoración do 39 %, o que supón a terceira caída máis acusada de tódalas Comunidades Autónomas.

 

En síntese, estes datos permiten obter as seguintes conclusións:

 

Caída drástica da contratación de obra pública en Galicia.

 

– O Goberno do PP en Galicia non está creando emprego nin riqueza da man da contratación pública como está a facer o Goberno de España.

 

– O Goberno do PP é incapaz de mobilizar recursos públicos para dinamizar a economía galega.

 

– A Consellería de Infraestructuras non está contribuindo a frear a perda de emprego en Galicia, nin exercendo de palanca na converxencia con Europa.

 

– Estamos a desandar o camiño avanzado polo Goberno socialista, un modelo sostible que utilizaba a iniciativa pública como motor da economía.

 

– O PP abandona os criterios de utilidade pública e interese xeral na contratación pública.

 

– Falla de transparencia e opacidade nos procesos de contratación pública.

 

É moi fácil facer demagoxia botando sobre o Goberno de España toda a responsabilidade na saída da crise. Pero o que é innegable, como xa subliñamos noutras ocasións, é que as Comunidades Autónomas teñen un amplísimo número de competencias e xestionan recursos moi numerosos. Núñez Feijóo carece totalmente de leximidade para dar ningún tipo de lección sobre as medidas para saír da crise.

 

A elo temos que engadir que mantén no seu goberno a un Conselleiro de Territorio e Infraestructuras que se atopa imputado no Tribunal Superior de Xustica de Galiza por presunta falsidade documental, o que constitúen acusacións en vía penal gravísimas para un servidor público.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.