Na rúa o número 33 de Razón Socialista

Share Button

O pasado luns presentouse en Ferrol o número 33 da revista Razón Socialista, que edita a Asociación Cultural Fuco Buxán. No acto interviron o director da revista, José Torregrosa; o vicepresidente de Fuco Buxán, Rafael Pillado; e o xornalista Xosé María Gómez Fandiño.

Este novo número adica varios artigos a Santiago Carrillo, histórico dirixente comunista recentemente finado e socio de honra de Fuco Buxán; sobre a súa figura escriben, entre outros, Rafael Pillado, Enrique Barrera ou Vicente Álvarez Areces, excompañeiro de partido de Carrillo e expresidente socialista do Principado de Asturias. Outros artigos están adicados ó ministro Wert (Celso Posada), ó federalismo (Ferrán Pedret) ou a Marx (Víctor García Novás). Tamén asinan artigos Odón Elorza ou Yolanda Díaz. Destacaremos finalmente -sen infravalorar as restantes colaboracións- o artigo Máis PSdeG, asinado polo noso compañeiro Manuel Cendán Dopico. Autor do blog Bitácora do Nordés e columnista de Diario de Ferrol, Cendán é actualmente Secretario de Política Municipal da Agrupación Socialista de Ferrol; o seu artigo, que estes días tamén apareceu publicado en El Correo Gallego e Praza Pública, inscríbese no debate que actualmente está producíndose acerca do rumbo e futuro do PSdeG-PSOE.

Fuco Buxán é un colectivo de longa traxectoria e actividade moi intensa, formado por persoas da esquerda política e social –incluíndo un bo número de militantes socialistas- fundamentalmente da comarca de Ferrolterra. Dende a Agrupación Socialista de Cariño temos colaborado en diversas iniciativas, como a presentación na nosa vila de números anteriores da revista ou do primeiro volume das memorias de Rafael Pillado. Tentaremos presentar en Cariño este novo número de Razón Socialista.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.