Na rúa o número 5 de Terras do Ortegal

Share Button

O número 5 da revista Terras do Ortegal, que edita a asociación do mesmo nome, saíu á rúa hai escasos días. Como probablemente saberás, Terras do Ortegal é unha revista autofinanciada de estudos comarcais (historia, arqueoloxía, etnografía, medio natural, toponimia…) de periodicidade anual.

Nesta ocasión a revista conta con 301 páxinas e inclúe 15 artigos que abordan temas como a historia do pósito de pescadores de Espasante (Beatriz Bermúdez), as orixes da asistencia hospitalaria en Ortigueira (Carlos Breixo), os postos de vixiancia litoral na Galicia cantábrica durante os séculos XVI-XIX (Xosé María Leal) ou o Museo do Mar “Ría do Barqueiro” (José Daniel Beaz). Como en números anteriores, inclúe tamén un dossier temático, que nesta ocasión versa sobre Educación no Ortegal, con cinco artigos da autoría de Hixinio Puentes, Emilio Castro, Xosé María Torres, Bernardo Penabade e Aline Riola. Tamén cómpre mentar a entrevista que Obdulia Dopico fai a Rosario Suárez Díaz, activista cultural e exconcelleira socialista en Ortigueira, que será homenaxeada en datas próximas.

Neste número hai dous artigos que versan especificamente sobre Cariño. Coincidindo co 40 aniversario da Mostra de Teatro, Rafael Soneira ofrece a súa visión persoal sobre as orixes do teatro na nosa vila e o traballo realizado pola Agrupación Cultural Malveira, organizadora das primeiras edicións do Festival de Teatro. Pola súa parte, Anxo M. Rosende ocúpase da epidemia de cólera que asolou o porto de Cariño en 1854 provocando unhas 100 mortes.

A revista inclúe tamén a súa habitual sección de breves reseñas de libros e revistas, dando conta, entre outras novidades, da reedición de Pelerinaxes de Ramón Otero Pedrayo e da publicación do libro coordinado por Alba Silva e titulado O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de La Voz de Ortigueira, que, entre outros aspectos, achega información sobre os xornais cariñeses La Voz de Cariño (1917) e El Pueblo de Cariño (1919) ou a estadía de Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, como mestre no noso pobo.

A publicación de Terras do Ortegal está supoñendo unha importante contribución ó coñecemento da realidade comarcal e ó debate sobre o noso patrimonio. Os cinco números publicados ata a data suman un total de 75 artigos que resultan moi relevantes para coñecer o pasado, analizar criticamente o presente e pensar o futuro. Por esta razón, dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresar o noso recoñecemento á asociación editora da revista polo excelente traballo que están a realizar.

Este novo número de Terras do Ortegal atópase á venda en librerías e está sendo presentado dos concellos da comarca.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.