Noticias de Galicia Mar Renovables

Share Button

A edición en papel de La Voz de Galicia publica hoxe unha noticia sobre Galicia Mar Renovables, a empresa que está a construir na zona portuaria as instalacións para a ensamblaxe de sistemas de xeneración de enerxía undimotriz.

Os responsables da empresa afirman estar á espera de que o Concello lles conceda a licencia definitiva de actividade, condición indispensable para comezar a funcionar. Por parte do Concello, a Alcaldesa xustifica a tardanza na concesión desta licencia na necesidade de subsanar algunhas cuestións técnicas do proxecto e na escasez de persoal municipal. Pola nosa parte, instamos ó Concello a que axilice todo o posible esta tramitación. A excusa permanente non serve; os asuntos hai que solucionalos.

A planta estase a construir co apoio do Programa de Axudas para Actuacións de Reindustrialización impulsado polo Ministerio de Industria para rexenerar o tecido empresarial en zonas desfavorecidas.

Na noticia publicada na prensa a empresa non precisa cal será o seu plantel inicial, pero facilita un enderezo de correo electrónico para que as persoas interesadas envíen o seu currículo: info@gmrenovables.com, e remite tamén á súa páxina web para coñecer calquera novidade ó respecto: www.gmrenovables.com

Dende aquí queremos desexarlle á empresa sorte no seu proxecto e abogar por unha próxima entrada en funcionamento das instalacións de Cariño, co desexo de que proporcionen novas alternativas laborais no noso Concello.

Aproveitamos tamén para desexarche que desfrutes destes carnavais.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.