Nova sección: Crónicas dun longo agravio

Share Button

A comezos de ano anunciamos nesta web o lanzamento de novas seccións. A primeira delas, que leva por título As nosas suxerencias, arrancou hai unhas semanas, co obxectivo de recomendar lecturas, música, filmes e outros contidos que consideramos de interese.

Hoxe queremos anunciarche o lanzamento dunha nova sección. Como xa sabes, estamos en período pre-electoral. En algo menos de tres meses celebraranse eleccións nos concellos. É tempo, así pois, de facer balance.

O habitual nestes casos é facer balance das actuacións dos gobernos municipais. O noso partido asume este compromiso e, como forza de goberno que somos, en breve trasladaremos a toda a cidadanía cariñesa o balance do traballo realizado, que, por outra parte, podes ir seguindo en tempo real a través desta web.

Mais cremos que tamén é convinte xulgar ás outras forzas, ás que non son goberno, que buscan chegar a selo e que algún día gobernaron en España, en Galicia, na Deputación ou mesmo en Cariño. Como podes supor, estamos a referirnos ó Partido Popular. Cremos que o papel que esta forza política xogou na historia de Cariño non ten desperdicio e, pode, de feito, calificarse como un permanente agravio (o Diccionario da Real Academia Galega define agravio como "Palabra ou acción con que se ofende ou aldraxa [a alguén]"). Falar do PP na historia de Cariño é falar dunha aposta sistemática polo adelgazamento dos nosos dereitos como cidadanía, da centralización de servicios en Ortigueira, da negación da nosa identidade colectiva…

Chegou o momento, polo tanto, de lembrar acontecementos coñecidos e de explicar outros que quizais se coñecen menos. Chegou o tempo de informar, por exemplo, sobre a frontal oposición á piscina municipal de Cariño que amosou o PP no Pleno da Deputación; sobre a decisión de Alianza Popular, a finais dos 70, de situar o Instituto de Ensino Secundario en Ortigueira, en contra da demanda maioritaria da comarca, que solicitaba un lugar máis equidistante (Mera); sobre a utilización política que fixo e fai o PP da Cofradía de Pescadores, causando un severo perxuicio ó sector pesqueiro cariñés; sobre os anos que estivemos privados dun servicio de ambulancia e das gardas de presencia física no Centro de Saúde… Destas e doutras cousas iremos falando nesta sección, semana a semana.

Contra moitas destas actuacións a cidadanía cariñesa tivo que erguerse, protestar, reivindicar os seus dereitos pacificamente pero con contundencia… A foto que ilustra esta entrada corresponde, precisamente, ó multitudinario acto celebrado no Auditorio Municipal en reinvindicación dos nosos servizos sanitarios.    

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.