O enésimo vertido e o BNG encantado de coñecerse

Share Button

altNos últimos días asistimos, unha vez máis, a un novo episodio de vertidos insalubres nun dos nosos ríos urbanos. Dende hai unhas datas, e como xa ten denunciado a cidadanía nas redes sociais (de onde tomamos a foto que acompaña a esta entrada), un emisario alivia augas fecais sen depurar no río Sagrón sen que ninguén poña remedio a tal situación.

Como vimos de sinalar, non é nada novo. Dende o PSdeG de Cariño xa advertíramos reiteradamente deste tipo de sucesos no pasado, particularmente aqueles que afectaron ó río Maguleiro.

O denominador común do acaecido nun e noutro curso fluvial é que a auga contaminada acaba irremisiblemente na praia da Concha. A falta de limpeza e mantemento do alcantarillado provoca a obstrución do colector e fai que as augas fecais salgan polo aliviadoiro e rematen no río. Como é ben sabido, as augas pluviais e as fecais están separadas en Cariño dende hai bastantes anos, pero obviamente os colectores de fecais teñen aliviadoiros para que cando se producen choivas torrenciais non se levanten as tapas das alcantarillas.

Todos sabemos tamén que os areais de Cariño albergan un valor medioambiental importante, polo que nunca se debe facer abandono de funcións na tutela dos mesmos por parte das diferentes administracións (nomeadamente da municipal). Pero amosar este abandono ás portas do verán, cando estamos a escasas semanas de que veciños e visitantes frecuenten con máis asiduidade as praias, é unha temeridade. É obvio que nestas datas deben acentuarse os traballos de limpeza e adecuación. Falamos de medidas que afectan a aspectos básicos, como por exemplo garantir unha mínima salubridade.

Por iso parécenos inaceptable que a praia da Concha, a de mellor accesibilidade dende o núcleo da vila e a máis extensa do Concello, volva a ser vítima da actitude inoperante do equipo de goberno do BNG. Toda a cidadanía lembra con asombro e indignación as semanas do verán pasado en que o baño tivo que ser directamente prohibido en dita praia, retrocedendo a aqueles tristes anos 80 en que a fachada marítima estaba convertida nunha esterqueira.

A secuencia de escusas ofertadas dende o grupo de goberno local para xustificar este tipo de acontecementos vén sendo do máis variopinto, aínda que no fondo do discurso sempre se acaba por percibirse esa teima de botar balóns fóra e non asumir o máis mínimo erro de xestión. O que xa parece unha burla ás xentes deste Concello é que precisamente estes días o BNG cariñés presuma nas redes sociais do seu bo facer en materia de tratamento de augas e saneamento. Ver para crer.

É obvio que estas declaracións teñen que ver co período electoral que agora comeza, pero o que temos claro dende o PSdeG-PSOE de Cariño é que realizando manifestacións públicas nas que prima a autoloubanza non se han de arranxar os vertidos fecais do río Sagrón.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.