Pedro Sánchez, novo Secretario Xeral do PSOE

Share Button

altEste domingo, 13 de xullo, @s militantes socialistas de toda España voltamos a dar un novo pulo ás conquistas democráticas deste país. Por primeira vez na historia contemporánea do Estado arredor de 200.000 afiliad@s dun partido político foron convocados ás urnas para escoller mediante o seu voto directo ó seu Secretario Xeral, á persoa que deberá dirixir os designios da organización nos vindeiros anos.

Modestamente pensamos que este exemplo non só debe repetirse no futuro na nosa formación política, senón que sería bo que se extendese ós outros partidos a fin de facer máis participativa a vida interna dos mesmos.

Como xa comentáramos datas atrais, tres eran os candidatos a dirixir o PSOE: Pedro Sánchez, Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias. Finalmente, e co escrutinio practicamente pechado, foi o compañeiro Pedro Sánchez quen obtivo un mellor resultado nas urnas cun respaldo próximo ó 49% dos votos emitidos. A segunda opción en número de sufraxios foi a liderada por Madina (36%), mentres que Pérez Tapias acadou unha porcentaxe do 15% das papeletas. Polo tanto será o economista madrileño Pedro Sánchez quen dirixa esta nova etapa que o PSOE vén de abrir.

Cómpre sinalar que o índice de participación rondou o 65%, cifra nada desdeñable tendo en conta as datas estivais nas que nos atopamos, o que parece un sinal inequívoco de que o pulso democrático da militancia do partido late con forza.

A Agrupación Socialista de Cariño voltou a demostrar a súa independencia de criterio, na medida que os votos da militancia produxeron un resultado moi diferente ó estatal e ó galego. Cunha participación superior ó 86%, foi Eduardo Madina o vencedor acadando un 54% dos votos, seguido por Pérez Tapias cun 38%. Finalmente, Pedro Sánchez foi apoiado por un 8% do electorado local.

Pedro Sánchez Pérez-Castejón (Madrid, 1972) é profesor de Estructura Económica e Historia do Pensamento Económico na Universidad Camilo José Cela de Madrid. Cursou estudos de posgrao no extranxeiro e en 2013 publicou o libro La nueva diplomacia económica española, resultado da tese de doutoramento defendida o ano anterior. Afiliado ó PSOE dende 1993, traballou como asesor no Parlamento Europeo e foi xefe de gabinete de Carlos Westendorp na súa etapa como Alto Representante de Nacións Unidas en Bosnia. Colaborador do exministro galego José Blanco, foi tamén concelleiro no Concello de Madrid e na actualidade é Deputado no Congreso pola circunscrición de Madrid.

Como non podía ser doutro xeito, dende a Agrupación Socialista de Cariño poñémonos a disposición do novo equipo que liderará o partido para acadar a tarefa de afastar da cidadanía española as políticas públicas, económicas e socialmente lesivas que está a aplicar o Partido Popular.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.