Política educativa: post de José Luis Méndez Romeu

Share Button

Como ben sabes, a defensa da educación pública, severamente atacada nos últimos tempos, é dos temas prioritarios para a Agrupación Socialista de Cariño, de aí que lle teñamos dedicado diferentes iniciativas e entradas nesta web.

Hoxe queremos reproducir aquí o post titulado Política educativa, que o noso compañeiro José Luis Méndez Romeu, voceiro socialista do Parlamento de Galicia, vén de publicar no seu blog Acta Pública:

Unha constante da política conservadora é a reducción constante do gasto público en sanidade, educación e servizos sociais. Mesmo existe un compromiso explícito do Goberno Rajoy con Bruxelas,  para continuar esa reducción ata 2018. No caso do ensino, logo de acadarse un nivel histórico do 5% sobre PIB co goberno Zapatero, tense rebaixado ó 4% e para 2018 será do 3´7%. A maior baixada entre os países da Unión Europea.

Os conservadores teñen fixación negativa co ensino. Sempre que gobernaron, recortaron en equidade, gratuidade e gasto público. En Galicia reduciron 321 millóns de euros cada ano. Aprobaron a LOMCE, hoxe cuestionada por 12 Comunidades Autónomas, para implantar barreiras como as reválidas ou os itinerarios prematuros. E suprimiron a gratuidade dos libros de texto a 80.000 estudantes, o 60%, para implantar un sistema máis caro e burocrático. Porque o importante era sustituír a universalidade polo cheque, pola dependencia. Agora anuncian unha nova modalidade de cheque por valor de 40 euros. Cada familia mendigando a esmola, casualmente en período electoral. En lugar de incrementar a progresividade fiscal, ésta  reducese en beneficio das rentas máis altas e perxudicando ás rentas medias e baixas.

Os servizos para pobres adoitan ser servizos pobres. Non serven para paliar a pobreza sinon para perpetuala. Porque clasificar é segregar. De aí a defensa dos servizos universais e gratuitos no ensino e na sanidade.

Os estudos máis recentes comenzan a cuestionar a equidade do sistema educativo español e a poñer de manifesto a estratificación social presente nos centros de ensino en función da sua titularidade: pública, concertada ou privada. En detrimento dos centros de titularidade pública. De onde a necesidade de revisar o actual sistema de financiamento para introducir obxectivos mensurables que reduzan a desigualdade de resultados académicos, correlacionada coa estratificación social. Un motivo máis para cambiar de goberno.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.