Presentado en Cariño o último número de Razón Socialista

Share Button

Como xa tiñamos anunciado, na tarde do pasado sábado presentouse no local da Agrupación Socialista de Cariño o último número, o 33, da revista Razón Socialista, que edita a Asociación Cultural Fuco Buxán. Foi un acto interesante e dinámico, con intervencións proveitosas que estiveron seguidas dun animado debate.

Abríu a quenda de intervencións o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar, en representación da nosa Agrupación. De seguido, José Torregrosa, director da revista, fixo un percorrido polos contidos deste último número. Enrique Barrera, historiador, profesor e directivo de Fuco, centrou a súa intervención no debate actual sobre a Guerra Civil e a represión franquista, reivindicando o papel da historia académica fronte ás visións terxiversadas e manipuladas dalgunhas plumas da dereita nacional. Finalmente, Manuel Cendán, militante socialista e subdirector da revista, comentou o seu artigo sobre a situación e o futuro do PSdeG, reivindicando o potencial transformador do noso partido en canto organización de masas que necesariamente debe estar asentada con solidez na esquerda e no galeguismo.

O debate posterior xirou en torno a estes e outros temas, con intervencións do público asistente e dos membros da mesa. A nosa Secretaria Xeral, Ana Fachal, aproveitou a ocasión para, en nome da Agrupación, agradecerlle ós membros de Fuco Buxán que se tivesen achegado a Cariño para presentar este novo número da revista.

O acto do pasado sábado, como tamén temos comentado, supuxo a continuidade da nosa colaboración con Fuco Buxán, unha asociación da esquerda social e plural radicada en Ferrol na que os membros da nosa Agrupación mantemos amizades e lazos de colaboración dende hai anos. Con anterioridade ó celebrado o pasado sábado, o último acto organizado en colaboración con Fuco fora a presentación das memorias de Rafael Pillado en maio do ano pasado.

Por outra parte, con este acto a Agrupación Socialista de Cariño retoma un vello obxectivo, que non é outro que o de abrir o noso local a toda a sociedade para convertelo nun ámbito de actividade cultural, de participación social e de debate político. Trátase dun obxectivo ambicioso no que, con actos como o do pasado sábado, estamos a dar os primeiros pasos. Agardamos contar contigo.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.