Propostas programáticas: emprego e diversificación económica

Share Button

Hoxe adicamos a sección Propostas programáticas a unha das áreas máis importantes do programa, a de Emprego e diversificación económica. Como xa temos sinalado en máis dunha ocasión, durante a vindeira lexislatura pretendemos situar as políticas de emprego e desenvolvemento nun primeirísimo plano.

Por suposto, sempre consideramos prioritarias estas políticas. O que sucede é que a xestión do Concello tivo que concentrarse, nunha medida moi importante, en cuestións como a provisión de servizos e infraestructuras, a recuperación integral da fachada marítima, etc. Cariño é -non o esquezamos- un Concello aínda xoven, que en moitos aspectos tivo que partir de cero dende a súa creación en 1988. Sen atender estas prioridades, era difícil promover un axeitado desenvolvemento económico do Concello. Aínda así, sempre fomos dando pasos nesta dirección.

Un concepto importante, que vimos manexando dende hai uns anos, é o de diversificación económica. A proba de que a nosa idea vai calando é que hoxe La Voz de Galicia publica unha reportaxe sobre o escenario preelectoral de Cariño co título La diversificación del mayor puerto pesquero del Ortegal. O que queremos expresar con este concepto é que a creación de emprego e o desenvolvemento económico de Cariño pasa por ir máis alá do tradicional monocultivo en torno ó sector do mar. Por suposto, os nosos sectores conserveiro e pesqueiro teñen que seguir sendo fundamentais, pero é necesario potenciar novos sectores que dinamicen o noso tecido socioeconómico, como poden ser as enerxías renovables, a hostalería ou turismo de calidade. Por esta razón, as propostas programáticas desta sección atópanse en estreita relación coas doutras áreas como Infraestructuras, urbanismo e vivenda, Desenvolvemento sostible, hostalería e turismo ou Educación e xuventude.

É crucial, en primeiro lugar, a execución do polígono industrial. Xa temos explicado as razóns que motivaron o retraso no comezo das obras, relacionadas en parte coa discutible ubicación escollida polo goberno do PP. Na actualidade é necesario desbloquear a calificación de “corredor ecolóxico” que, como xa explicamos nunha entrada publicada onte, establece a Xunta do PP para esta área do Sagrón. Calquera outra alternativa -como o cambio de ubicación proposto polo BNG- suporía demorar aínda máis o comezo das obras. Non deixa de sorprender que o PP propoña no seu programa iniciar “por vía de urxencia” a construcción do polígono e, sen embargo, non presentasen alegacións nin recurso contra o Plan de Ordenación do Litoral (POL) que promove a Xunta do seu partido e que impide executar esta proposta. Entra dentro da desorientación habitual do PP cariñés…

En paralelo á execución do polígono, é esencial mellorar as nosas vías de comunicación, necesidade da que xa falamos na respectiva área do noso programa electoral. Urxe retomar o proxecto de construcción dunha nova estrada Cariño-Mera, contemplado polo bipartito e que a Xunta do PP suprimíu do Plan Move, e asegurar un idóneo entronque en Mera co futuro Corredor Costeiro.

Consideramos que a formación e a capacitación profesional son cruciais para combatir o desemprego. Por esta razón, é fundamental crear unha política de formación ocupacional que priorice áreas como as enerxías renovables, a axuda a domicilio e a dependencia, ou a hostalería e o turismo. O curso de Instalación e mantenemento de placas solares térmicas, que hai uns meses tivo lugar en Cariño formando a 18 rapaces e rapazas, foi un primeiro paso, pero queremos poñer en marcha iniciativas máis estables e ambiciosas.

Cremos que as enerxías renovables constitúen un ámbito de especial interese e posibilidades laborais, como amosa o proxecto de Galicia Mar Renovables para a montaxe de boias undimotrices, que apoiamos completamente. A nosa aposta maniféstase tamén na creación do parque municipal de enerxía solar térmica e fotovoltaica e o seu aproveitamento para o mantenemento da piscina, que xa ten merecido louvanzas en varios foros especializados, ou na organización do curso que vimos de citar. Tamén na nosa participación no proxecto europeo Go green now, que ten como un dos seus obxectivos compartir experiencias no ámbito das enerxías renovables. Os socios deste proxecto, procedentes de diferentes países, reunirémonos a vindeira semana, entre o 25 e o 28 de maio, en Cariño e San Sadurniño. Por certo, outra mostra da desorientación do PP local é que, despois de criticar a nosa aposta polas enerxías renovables, agora incorpora propostas deste tipo ó seu programa electoral.

A creación dun viveiro de empresas e o fomento do cooperativismo poden fornecer oportunidades @s emprendedores/as. O expertise e a cualificación laboral das xentes de Cariño resultan moi aptos para iniciativas deste tipo. As naves da antiga Casa de Oficios (Marujita Canela), convintemente acondicionadas, e o edificio do Mercado Municipal poden ser útiles a este respecto.

Estas iniciativas requiren, á súa vez, a dinamización e ampliación da Oficina Técnica de Emprego, que xa vén funcionando no Concello dende hai algún tempo. É necesario potenciar as súas funcións na axuda ás persoas desempregadas, na axuda a emprendedores/as e no asesoramento para todo tipo de subvencións relacionadas con esta área. Como parte deste plan, é imprescindible asemade ampliar os servizos e prestacións da bolsa de emprego local.

Aínda que o noso programa contempla un apartado específico para hostalería e turismo, queremos mentar aquí a nosa intención de obter distintivos de calidade para a hostalería e os productos alimentarios de Cariño (peixe, conservas, etc.), en colaboración cos sectores implicados.

Referímonos, en fin, a dúas iniciativas de diversa entidade relacionadas co potenciamento de dous dos nosos sectores productivos. En primeiro lugar, unha iniciativa moi ambiciosa pero viable é rexenerar os areais do Concello para incrementar o seu potencial marisqueiro. A segunda proposta está dando xa os seus primeiros pasos e consiste na construcción de cargadoiros de madeira para facilitar o traballo do sector forestal; trátase dunha iniciativa de carácter comarcal, promovida inicialmente polos Concellos de Cariño e Cedeira e que prevemos financiar con fondos europeos.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.