Reaccións e críticas ante o peche da Aula do Mar

Share Button

Nos últimos días continuou o debate público, en Cariño e alén do noso Concello, acerca da decisión do Goberno Municipal cariñés de cancelar a tempada de verán da Aula do Mar.

A nosa posición está clara e xa foi exposta nunha entrada anterior desta páxina web. Cremos que, no intre actual, é un erro importante cancelar a tempada deste verán no Artal, tendo en conta que o barco está a punto para saír, coas revisións pasadas, o depósito cheo de combustible, unha subvención ó 100 % para a contratación do patrón e unhas 200 reservas para as saídas ornitolóxicas xa confirmadas a comezos do mes de xuño. Entendemos que, nestas condicións, a realización da tempada de verán é perfectamente asumible para o Concello e non facelo supón un serio perxuízo para a nosa hostalería e para o propio proxecto. A institución municipal está no seu dereito a redefinir esta iniciativa, pero consideramos que o ideal sería facelo despois do mes de setembro.

Entre as iniciativas xurdidas contra a decisión do Goberno Municipal atópase un Grupo en Facebook que leva por nome Aula do Mar, reanudación de su actividad ya. Podes atopalo aquí (para entrar debes ter unha conta en Facebook):

http://www.facebook.com/groups/164923730246368

O grupo conta cun total de 650 membros de toda a xeografía española e incluso extranxeira, a maioría persoas afeccionadas á ornitoloxía e a natureza, entre as cales é posible mesmo atopar algúns nomes famosos. Cremos que é unha boa mostra da relevancia acadada polo Artal, que pon de manifesto asemade a cautela coa que debería tomarse calquera decisión sobre o seu futuro. Unha simple búsqueda en Google pode servir, tamén, para dar boa conta do que afirmamos. A foto que reproducimos nesta entrada está tomada dun post do blog Noroeste ibérico sobre unha saída na Aula do Mar:

http://noroesteiberico.blogspot.com/2009/09/saida-carino-aula-do-mar.html

Entre contidos dispoñibles no citado Grupo salientamos, polo seu interese, o modelo de carta que a Sociedade Galega de Ornitoloxía propón enviar ó Concello. Reproducímolo a continuación:

Estimada Alcaldesa e resto da Corporación Municipal:

Despois das últimas informacións aparecidas en prensa quero transmitirlle o meu estupor pola supresión das saídas ornitolóxicas que viña realizando a Aula do Mar durante as últimas tempadas.

Cariño e os seus arredores convertéronse nos últimos anos nun referente ornitolóxico en todo o Estado e mesmo en Europa, e as saídas na Aula do Mar non fixeron senón potenciar enormemente este atractivo. Ningún dos participantes dos últimos anos sentiuse defraudado despois de participar nunha saída da Aula do Mar, e somos moitos os interesados en seguir participando e poder aproveitar esta oportunidade para visitar Cariño.

Dende unha óptica científica estas viaxes proporcionan unha oportunidade inestimable para un mellor coñecemento da nosa avifauna. A través destas saídas, os ornitólogos galegos puidemos comprobar a presenza regular nas nosas costas de aves que ata agora se consideraban escasas, irregulares ou incluso rarezas.

Durante os derradeiros anos centos de persoas visitaron Cariño para participar nas saídas ornitolóxicas, facendo noite na vila co que iso supón como dinamizador da economía local e contribuíndo á economía local e á desestacionalización do turismo. Suspender as saídas da Aula do Mar supón para Cariño desaproveitar o potencial turístico, económico e social ligados ao turismo ornitolóxico. Na miña opinión, na valoración dun servizo público non debe considerarse unicamente un balance de ingresos e gastos, senón tamén o retorno económico e social que o servizo pode aportar á sociedade.

Por todo isto, prégolle que reconsidere a súa postura, ou no seu caso estude novas maneiras de seguir facendo viables economicamente estas saídas no Aula do Mar, buscando se é preciso algún outro método de xestión alternativa ó actual para volver a situar a Cariño no mapa da ornitoloxía europea.

Un cordial saúdo.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.