Situación crítica na sanidade: post de José Luis Méndez Romeu

Share Button

altPolo seu interese, reproducimos na nosa web o post Situación crítica na sanidade, que publicou onte no seu blog Acta pública o compañeiro José Luis Méndez Romeu, voceiro do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia:

O Sistema Público de Saúde foi creado no ano 1986, presidencia de Felipe González, co voto en contra de Alianza Popular, que non aceptaba o modelo de universalidade e gratuidade, defendendo o carácter particularista, en síntese, que nin todos iguais, nin igual para todos. Un cuarto de século máis tarde, o Partido Popular, o seu sucesor natural, está modificando fondamente ese modelo, tan valorado polos cidadáns. Queren impoñer un modelo de mercado, onde saúde e protección social son mercadorías ó alcance de quen as paga, quedando para a maioría servizos devaluados, con menos recursos e con limitacións de todo tipo, xeográficas, económicas, de persoal.

O modelo socialdemócrata de servizos públicos universais tivo consecuencias: máis igualdade, maior nivelación de rentas, mellora da esperanza e da calidade de vida. Se no inicio da democracia só tiñan asistencia sanitaria pública a cuarta parte dos cidadáns, nos anos pasados chegou a ser universal.

Feijóo e Rajoy impulsan un cambio de modelo sanitario arbitrariamente, só con argumentos ideolóxicos: non hai estudos previos, nin libros blancos, nin consultas ós expertos. Todas e cada unha das decisións, máis de 30 ata hoxe, están orientadas a modificar sustantivamente o carácter do servizo público de sanidade que coñecemos, reducindo a universalidade, reducindo a cobertura, implantado dobles pagos, impostos e taxas, e privatizando progresivamente.

As decisións do PP de Rajoy, do PP de Feijóo, ademais de interesadas, son arbitrarias e discriminatorias, readscribindo a centos de miles de cidadáns do sur de Galicia a outra área sanitaria. Descapitalizar clinicamente Vigo e Pontevedra é unha barbaridade social, clínica e política. Como non son votados nesas áreas, castigan ós cidadáns nos seus dereitos.

Implicitamente recoñecen o fracaso do novo hospital de Vigo inaugurado, mesmo bautizado, hai tres anos, pero que aínda non funciona. Será máis pequeno do previsto e máis custoso, non cubrirá as necesidades de atención dos vigueses e carecerá de servizos de alta especialización. Un hospital comarcal ampliado, un Povisa bis. Igual vai a acontecer en Pontevedra.

Feijóo reitera a privatización, impulsada hai vinte anos por Fraga, Romay Beccaría e o propio Feijóo a medio das fundacións sanitarias. Fracasaron e tiveron que ser rescatadas polo goberno Touriño, incorporando ós seus 800 profesionais ó sistema público. Como fracasaron en Valencia, en  Madrid, no Reino Unido, e nestes días en Castela-Mancha.

Feijóo rebaixou  o gasto social  case oito puntos, que se traducen en centenares de profesionais menos, en condicións de traballo sanitario máis difíciles e que repercuten na atención ós doentes.

Agora impoñen un modelo de xestión que desarticula os hospitais, crea taifas de intereses, modifica o réxime laboral dos traballadores e impón unha lóxica de mercado na atención ó cliente. O futuro xa se albisca, dúas clases de usuarios.

En medio dese caos provocado, Feijóo engade gasolina ó lume, amparando conductas que soliviantan ós funcionarios públicos de tódolos niveis, defendendo o comportamento da Conselleira de Sanidade, incursa nun caso de nepotismo, que non é presunto, que está sentenciado pola xustiza. E que, según fontes do sector, non é aillado.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.