Sobre a entrevista á Alcaldesa en Diario de Ferrol

Share Button

O pasado venres, Diario de Ferrol publicou unha entrevista á Alcaldesa de Cariño, Purificación Seixido (BNG); da edición dixital do xornal provén a fotografía que acompaña a esta entrada. A entrevista sérvenos de incentivo para expor algúns comentarios sobre as primeiras actuacións do novo goberno, algo que tiñamos intención de facer dende hai días.

O normal, cando un novo alcalde ou alcaldesa asume o cargo, é que queira comerse o mundo. Aproveita cada ocasión que ten diante para falar dos seus proxectos, para transmitir ilusión, para amosar a súa capacidade de liderado. A entrevista á Alcaldesa de Cariño, neste senso, é profundamente decepcionante. Nin un só proxecto novidoso, nin un só motivo para o optimismo, nin o máis mínimo alarde de imaxinación… (o que, ás veces, é tanto ou máis importante que os cartos).

Con todo, o máis grave é que a Alcaldesa semella empeñada en confundir deliberadamente á cidadanía no relativo á situación contable do Concello de Cariño. É certo que o Concello ten que afrontar unha sentenza que o obriga a pagar á empresa Corsán-Corvián unha cantidade aproximada dun millón de euros, máis intereses de demora, por obras realizadas sen subvención nin expediente administrativo antes de maio de 2003, é dicir, durante o mandato do Sr. Tallón Cabana (PP). De feito, fomos o único partido que na pasada campaña electoral fixo reiteradas referencias a este grave problema e ás súas consecuencias para as vindeiras lexislaturas.

Sen embargo, non é de recibo mesturar este problema coa situación económica ordinaria do Concello de Cariño. Hai que dicilo ben claro: se excluimos a obriga de afrontar o pago desa débeda, a situación económica da institución municipal non plantexa o máis mínimo problema. A situación é de equilibrio presupostario e o pago das facturas vense facendo en prazos de tempo óptimos. Negar esta importante precisión, e ocultar a orixe da débeda a Corsán-Corvián, constitúe un engano á cidadanía e un agravio ó labor do anterior goberno municipal, do que, por certo, o seu partido formou parte.

Recentemente publicamos aquí unha entrada na que facíamos algúns comentarios sobre a situación económica do Concello. Nos vindeiros días seguiremos ampliando a información. A entrada xa publicada podes atopala nesta ligazón:

https://www.psoecarino.org/index.php?option=com_content&task=view&id=412&Itemid=1  

Existen varias formas posibles de asumir o pago da débeda a Corsán-Corvián. O goberno municipal do BNG está a optar polo recurte indiscriminado do gasto, o que proporciona unha desculpa moi cómoda para xustificar a inacción: como non hai cartos, non facemos nada e, ademais, temos desculpa para desmontar o feito con anterioridade dicindo que é inviable. Esta errada política está infrinxindo un dano importante a varios sectores especialmente sensibles: as persoas maiores, a oferta turística municipal e as persoas desempregadas.

Con respecto ó primeiro, reducíuse e incluso retirouse o servizo de axuda a domicilio que se presta ás persoas maiores deste Concello. Tamén reducíuse o horario e estase a pechar durante as fins de semana o Local Social de Maiores, situado na planta baixa da Casa do Concello.

Os recurtes están afectando asemade a unha oferta turística que custou anos consolidar e da que se beneficia o sector da hostalería e, en xeral, o tecido socioeconómico de todo o termo municipal. Decisións como a non apertura da Oficina de Información Turística ou a cancelación da actividade da Aula do Mar –cando o único que se precisa para esta campaña de verán é convocar un contrato que está subvencionado pola Xunta- parécennos particularmente graves. Voltaremos tamén sobre este asunto nunha entrada posterior.

En terceiro lugar, a renuncia á contratación de persoal subvencionado pola Xunta de Galicia durante os meses de verán non só reduce drasticamente a calidade dos servizos que presta o Concello, senón que tamén priva da oportunidade de desfrutar duns meses de emprego a persoas que se atopan no paro.

Aínda que aquí referímonos só a tres sectores relevantes, existen moitos outros que están a ser víctimas desta política de recurtes. Na Agrupación Socialista de Cariño cremos que existen outras formas de facer as cousas, que pasan por recurtar drasticamente o capítulo de investimentos protexendo o gasto corrente, por negociar con Corsán-Corvián unha forma de pago que resulte asumible para ambas partes e por facer un estudo máis sensato e afinado dos gastos a recurtar. Nos vindeiros días aportaremos novos datos e reflexións.

Existe outro aspecto que tamén consideramos moi criticable. Todas estas decisións estanse a tomar de xeito unilateral, sen pasar por Pleno e sen ter en conta a opinión dos partidos que representamos máis do 60 % dos votos emitidos nos pasados comicios municipais. O BNG non gañou as eleccións con maioría absoluta. Só ten un concelleiro máis que o noso partido, o mesmo número de concelleir@s que o PP e un 37 % dos votos emitidos. Así as cousas, sería razoable que se escoitasen outras opinións, que se buscase o consenso coas outras forzas. O noso partido, dende logo, está dispoñible para aportar o seu gran de area.

O BNG leva só cinco semanas á fronte do goberno municipal cariñés. Tempo haberá de xulgar o seu traballo. De momento, parece que viven nun mundo ó revés. Falan de abrirlle as portas á cidadanía, pero ofrécenlle información sesgada ou manipulada sobre a realidade municipal. Prometeron rexenerar a vida política, pero toman decisións unilaterais sen escoitar a opinión de forzas que contan cun nivel importante de respaldo cidadán. Din representar unha opción de esquerdas, pero maltratan coas súas políticas ós sectores máis desprotexidos da sociedade. Venderon que en Cariño había futuro, pero son incapaces de presentar un só proxecto ou motivo para a ilusión. É difícil atopar maior diverxencia entre as palabras e os feitos.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.