XXXV Mostra do Teatro Galego

Share Button

altO Auditorio Municipal de Cariño acolle a partir de mañá a XXXV Mostra do Teatro Galego, unha das máis senlleiras de toda a nosa xeografía. Como é habitual dende hai anos, a organización corresponde ó Concello de Cariño, que conta coa colaboración da Deputación Provincial. Animámosche a desfrutar desta cita que constitúe un clásico do mes de agosto no noso Concello. Reproducimos na súa totalidade o texto da noticia que, co título Luis Iglesia e Xabier Deive abren mañá a Mostra de Teatro de Cariño, figura na edición dixital do Diario de Ferrol e que inclúe unha breve descrición de cada unha das representacións (as negriñas son nosas; a foto que acompaña a esta entrada provén tamén do citado xornal):

O grupo de teatro afeccionado As Traíñas fundouse en Cariño en 1975, cando a escena do país era a penas unha ilusión. No 78 fixeron unha mostra de teatro galego e portugués que, a través de distintas etapas, pero de xeito ininterrompido, chega ata a actualidade. Mañá mesmo bota a andar a XXXV Mostra do Teatro Galego de Cariño, toda unha referencia escénica en Galicia que, se puido xermolar cando a infraestrutura cultural era mínima, tamén resiste os embates dunha crise económica que fai saltar polos aires as propostas novas e as xa asentadas. Cariño resiste e propón catro días de teatro para nenos e para adultos (pola mañá para os primeiros, de noite para os segundos), con importantes compañías e actores.

O programa estréase ás doce do mediodía, na sala de prensa da Casa da Cultura, co espectáculo de maxia e teatro A maleta viaxeira. Xa no auditorio municipal, a partir das dez, os actores Luis Iglesia e Xabier Deive porán en escena Gaivotas subterráneas, unha produción de Talía Teatro e Voz Audiovisual. Os dous compartiron protagonismo na serie de televisión “Matalobos” e con esta aportación teatral percorren, tamén con grande expectación, os escenarios teatrais do país. Interpretan unha obra de Alfonso Vallejo na que Nino, que traballa nunha empresa de seguros, busca a Mario, un antigo amigo da infancia, para que lle axude a estafar á compañía e cobrar así unha importante cantidade de diñeiro.

O programa do mércores 21 xa se desenvolverá todo no auditorio. Contará pola mañá coa compañía Trompicallo e o seu espectáculo Jiñol. Nel, Rosalía, Jiñol, o señor Bulú e o Policía verán a súa existencia alterada pola chegada dun paquete que dentro contén un crocodilo. Pola noite será Teatro do Morcego quen tome o relevo coa función Misterio cómico, unha peza mítica do repertorio da compañía, coa que recibiron o Premio Compostela.

O xoves 22, Baobab pon en escena para os nenos a obra Contos do azar, un contacontos participativo e cheo de humor. De noite poderase ver Curriculum Vitae, de Redrum. Esta comedia dirixida por Álex Sampayo e protagonizada por Mónica García e Guillermo Carbajo, leva ó escenario de Cariño textos de autores como Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e José Prieto.

O último día de funcións os nenos volverán á sala de prensa da Casa da Cultura para asistir alí, ás doce do mediodía, a unha sesión de contacontos a cargo de Marisa Irimia. E pola noite, ás dez, será Talía Teatro quen suba ó escenario para representar O método Grönholm. Trátase dunha obra de Jordi Galcerán que incluso foi levada ó cine. Presenta un proceso de selección para un posto de traballo moi particular. Catro aspirantes (Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo) chegan á proba final, diferente a todo o que atoparan ata o momento.

As entradas para asistir ós espectáculos desta trixésimo quinta edición da mostra de teatro teñen un prezo dun euro para as propostas infantís e de cinco para as de adultos. Esta actividade está organizada polo Concello de Cariño, que conta co apoio da Deputación da Coruña.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.