A campaña electoral da esperanza

Share Button

Hai xa uns días que comezou a campaña electoral para as eleccións autonómicas do 21 de outubro. Unha das principais novidades é a celebración de debates televisivos entre os candidatos dos partidos con representación parlamentaria, que comezaron hoxe co enfrontamento entre Núñez Feijóo e Pachi Vázquez. Mañá debatirán Pachi Vázquez e o nacionalista Francisco Jorquera e o mércores será o turno de Feijóo e Jorquera.

No debate de hoxe, quizais o máis salientable foi a capacidade de Feijóo para construir unha realidade virtual, uns mundos de yupi nos que só debe crer o candidato popular. É difícil ser máis demagóxico. Frente a esta visión completamente falseada, Pachi Vázquez situouse do lado das familias, da xente da rúa, dunha sociedade galega cada vez máis castigada por unha crise da que non é responsable.

Vai a ser unha campaña intensa e nos vindeiros días iremos informando dos actos e iniciativas que temos previsto celebrar en Cariño. Se segues habitualmente esta páxina, xa saberás que por primeira vez un cariñés, José Miguel Alonso Pumar, atópase entre os 10 primeiros postos da candidatura socialista ó Parlamento. A súa entrada na cámara autonómica sería, sen dúbida, enormemente positiva para a defensa dos intereses da nosa comarca.

Vivimos tempos difíciles: o paro desbordado, recurtes constantes no sector público, a xente humilde cada día máis farta e cansa de pagar as consecuencias dunha crise que non provocou… Esta ten que ser a campaña electoral da esperanza, a campaña que sirva para abrir un novo camiño. Pachi Vázquez -na foto, con Francisco Caamaño e o escritor Suso de Toro- é un traballador nato, un candidato forxado na vida municipal, na proximidade á cidadanía. Galicia precisa un cambio político que inicie un novo rumbo, que reconcilie á política coa cidadanía, que apoie ós sectores productivos e protexa ás clases desfavorecidas, que constrúa –en definitiva- un proxecto cívico e democrático que permita a unha terra traballadora como Galicia desenvolver as súas enormes potencialidades. O cambio é absolutamente necesario e só o PSdeG-PSOE está en condicións de lideralo. Co teu apoio, podemos conseguilo.

    

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.