Alonso Pumar fai balance da xestión da Xunta de Feijóo na comarca

Share Button

O candidato socialista da comarca do Ortegal nas eleccións do 21 de outubro, o cariñés José Miguel Alonso Pumar, vén de denunciar o abandono ó que o goberno de Feijoo someteu á comarca do Ortegal durante este mandato.

En referencia ó balance de investimentos na comarca presentado polo coordinador de campaña do Partido Popular, Diego Calvo, José Miguel Alonso lamentou que “esquecese” a principal infraestrutura chamada a vertebrar as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal: a VAC da Costa Norte, “cuxo único tramo en obras nesta provincia está en Ortigueira e foi licitado e adxudicado polo goberno de Touriño en 2008, cun prazo de execución de 30 meses”, subliñou, e que “14 meses despois do vencemento do prazo segue sen estar rematada”.

Alonso Pumar lembrou tamén que durante o mandato de Núñez Feijóo, o paro medrou case un 30% nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, superando na actualidade a cifra dos 19.000 desempregados, case 5.000 persoas máis que en 2009, e criticou que o presidente da Xunta “premie” á conselleira responsable destas cifras, Beatriz Mato, encabezando a lista do PP na Coruña.

José Miguel Alonso lembrou ademais que a consellería de Mato eliminou os fondos destinados a financiar os servizos municipais de axuda a domicilio nos concellos de menos de 20.000 habitantes e “reavaliou á baixa” ás persoas calificadas co máximo grao de dependencia. Ó mesmo tempo, “infraestruturas como residencias e centros de día como o de Cariño, ó que unicamente lle falta dotalo de mobiliario interior, comezan a deteriorarse pola falta de uso”.

O candidato socialista repasou tamén “os numerosos problemas que, no ámbito da educación, produxeron os recortes de Feijoo”, e citou como exemplos a reducción, ata case a eliminación, dos docentes do CEIP A Barqueira, a falta de solución para as escolas rurais de Narón e os problemas de espazo no colexio de Ares.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.