Argumentos para a esquerda: na rúa o número 34 de Razón Socialista

Share Button

Acaba de saír á rúa o número 34 da revista Razón Socialista, correspondente ó primeiro semestre de 2013. Como xa temos sinalado noutras ocasións, Razón Socialista é unha revista semestral editada en Ferrol pola Asociación Cultural Fuco Buxán que aposta pola rexeneración da esquerda dando voz a diferentes sensibilidades da esquerda política e social.

Este novo número da revista ten como inevitable telón de fondo a durísima crise que vive a comarca de Ferrolterra e especialmente o seu sector da construcción naval e industrias auxiliares. Este tema protagoniza a portada deste novo número, cunha foto do asteleiro acompañada do lema Mobilización: Queren pechar Navantia (e Ferrolterra)! Da crise que padece a comarca fanse eco o Editorial e artigos como Ferrol, fin de trayecto (José Martín) ou Grave momento para Ferrolterra (Rafael Pillado).

Como é habitual, diversos artigos analizan a situación política a nivel comarcal, autonómico e estatal. Sen minusvalorar a calidade e interese da maioría das colaboracións, poderiamos destacar Educación, ¿hacia dónde…? (Miguel Castro), La crisis como coartada para la privatización sanitaria en Galicia (Manuel Martín García), Corcoesto: un pouco de ouro e moito, moito arsénico (Serafín González Prieto) ou España desángrase pola ferida do paro (Manuel Lago). Destacan ademais neste número 34 dúas colaboracións sobre a problemática portuaria: Antonio Escobar Ruiz, Secretario de Organización do Sector Estatal do Mar de CCOO e membro da Comisión Permanente de Portos asina o artigo Los puertos de interés general deben eludir cualquier intento de privatización, mentres que Jerónimo Bouza, de SOS-Monuments publica o titulado Presión generalizada sobre los terrenos portuarios.

Tamén moi recomendables son varios traballos que analizan a situación da esquerda política e social. En concreto, Elena Casal Mera colabora con Breves notas sobre o auxe de plataformas cidadás. Trátase dun tema de evidente actualidade que, por poñer só un exemplo, protagoniza tamén o número doble (xullo-agosto) deste verán da revista El Viejo Topo, cun dossier que coordinan João França e Jordi Mir e que leva por título Impugnar y constituir. Los movimientos sociales en busca de alternativas. Na nosa opinión, un aspecto central do actual debate socialista debería ser a relación con estes movementos sociais e a incorporación das súas reivindicacións a un programa de acción política que o partido debe defender nas institucións. Existe a día de hoxe unha fenda moi profunda entre elites políticas e cidadanía que o noso partido debería resolver se quere voltar a ser un actor principal do cambio político e da superación da crise dende unha perspectiva social, xusta e sostible. Esta preocupación está moi presente noutros dous artigos deste último número de Razón Socialista, asinados polos militantes socialistas ferroláns Celso Posada (O PSOE na encrucillada) e Manuel Cendán (Algunhas reflexións arredor da esquerda como problema).

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos felicitar ós amigos de Fuco Buxán é ó Consello de Redacción de Razón Socialista polo excelente traballo que fan na edición desta revista. A foto que acompaña a esta entrada pertence á presentación deste número 34 na cidade de Ferrol.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.