Explorando oportunidades na Unión Europea: estadía de traballo en Bruxelas

Share Button

Unha representación do Goberno Municipal cariñés, composta polo Alcalde José Miguel Alonso e o concelleiro Alberto Iglesias, viaxou en días pasados a Bruxelas xunto a outros representantes municipais de diversos concellos galegos co obxectivo principal de coñecer as liñas de financiación europeas. A viaxe realizouse por convite do eurodeputado socialista José Blanco e foi financiada polas institucións europeas, non ocasionando polo tanto gasto algún ás administracións locais.

Tamén formaron parte da delegación os Alcaldes de Amoeiro, Bergondo, Cambados, Carballiño, Cerdido, Cuntis, A Illa de Arousa, O Incio, Maside, Monforte de Lemos, Negreira, Nigrán, Ribeira de Piquín, Trabada, Verín, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, así como tenentes de alcalde e concelleiros destes e doutros concellos (Arteixo, Arzúa, Meira e O Páramo).

Os participantes nas xornadas recibiron información sobre a política de cohesión a cargo do persoal da DG REGIO, así como sobre o Fondo Social Europeo e a Iniciativa Xuvenil de Emprego por parte da DG EMPL. Asemade, foron informados sobre as vías de financiación europea dispoñibles para proxectos locais na Fundación Galicia Europa. As diversas liñas de financiación abarcan un amplo número de ámbitos como urbanismo, eficiencia enerxética, xestión de residuos, medio ambiente ou formación e capacitación para o emprego.

En concreto, o programa de actividades arrancou o luns 25 de xaneiro coa recollida de acreditacións e un xantar de traballo cos eurodeputados José Blanco e Ramón Jáuregui. Ambos ofreceron una visión xeral sobre o momento que vive a Unión Europea e os seus novos retos (chegada masiva de novos refuxiados, crecentes tensións antieuropeístas en países membros, resultados electorais en España, etc.).

De seguido tivo lugar a primeira tanda de presentacións. A celebrada ás tres da tarde, co título O Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, correu a cargo de Stanislav Ranguelov, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea. De seguido foi o turno de Jonás Fernández, do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo, que falou sobre Políticas de cohesión europeas. Ás cinco da tarde Myriam Bóveda, da Comisión Europea, ocupouse do Desenrolo Humano Sostible Integrado no periodo 2014-2020 e unha hora despois María Malcheva, da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana, explicou A política de cohesión reformada da UE 2014-2020. O eurodeputado Juan Fernando López Aguilar sumouse ó final desta primeira xornada, que tiña como obxectivo transmitir unha visión xeral das institucións europeas e dos principais programas de carácter global que desenrola a Unión Europea.

A mañá do martes 26 dedicouse a concretar sobre certos programas específicos de interese para o ámbito local. A primeira hora realizouse unha visita á Fundación Galicia Europa, onde se informou sobre os programas dos que Galicia se ten beneficiado no periodo de fondos xa finalizado, presentándose varios exemplos de proxectos municipais tramitados en dita fundación. No mesmo lugar explicáronse as características dos futuros proxectos Life e de tratamento de residuos. Ás 12 da mañá celebrouse unha reunión no Comité de Rexións, coa presenza de Jordi Harrison, Secretario Xeral e voceiro socialista neste órgano, e de Santiago Mondragón, Adxunto á Presidencia do Grupo Socialista no Comité de Rexións. O programa de actividades rematou á unha do mediodía cunha visita ó hemiciclo do Parlamento Europeo.

En liñas xerais, podemos concluír que a estadía na capital europea, aínda que fugaz, resultou produtiva e importante para coñecer iniciativas e liñas de financiamento de claro interese para o ámbito local. Agardamos que axiña teñan a súa plasmación en proxectos concretos beneficiosos para a cidadanía do noso Concello.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.