O Concello de Cariño cumpre 28 anos

Share Button

Este 21 de xaneiro de 2016 o Concello de Cariño cumpre 28 anos. Foi nesta mesma data do calendario, no ano 1988, cando por fin colleitaron o seu froito os seis anos de loita segregacionista liderada pola Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño baixo a presidencia do noso compañeiro José Luis Armada Castro, quen logo ocupou a Alcaldía do novo Concello durante 15 anos. Outras tentativas anteriores de ter concello propio resultaran infrutuosas.

Na Agrupación Socialista de Cariño gústanos lembrar esta data. En primeiro lugar porque tivo consecuencias moi positivas para o progreso das cinco parroquias que compoñen dende 1988 o Concello de Cariño. Pero tamén porque un número apreciable de militantes socialistas estiveron implicados na loita segregacionista formando parte despois –durante máis ou menos tempo- das primeiras corporacións municipais (José Luis Armada, Pancho Pita Barge, Manuel Filgueira Pernas, Lorenzo Fojón, Constantino Chao…). Recentemente o propio José Luis Armada vén de reflexionar sobre aqueles feitos no seu artigo “Unha mirada persoal sobre a segregación de Cariño”, publicado no número 2 (2015) da revista Terras de Ortegal. A foto que acompaña a esta entrada corresponde á Festa da Segregación celebrada poucos días despois de coñecerse a noticia.

Despois de 28 anos de andaina o Concello de Cariño é hoxe unha institución consolidada que se atopa na súa oitava lexislatura. En cinco destas oito lexislaturas a cidadanía decidíu depositar a súa confianza no noso partido, o que merece o noso sentido agradecemento. Ó mesmo tempo, hai que dicir tamén que nestes 28 anos a institución municipal tivo gobernos liderados por tres partidos distintos (PSdeG-PSOE, PP e BNG), o que constitúe tamén unha mostra de pluralidade e normalidade democrática.

Ó mesmo tempo que salientamos a consolidación institucional do noso Concello, así como os moitos servizos e melloras conseguidos en todos estes anos de independencia, é necesario recoñecer tamén que boa parte da cidadanía das cinco parroquias cariñesas –igual que a de moitos outros concellos ó longo de todo o país- atópase nun momento complicado. No noso caso, as dificultades que atravesan os nosos sectores produtivos tradicionais están a ocasionar desemprego, precariedade laboral e unha merma nas condicións de vida da maioría social. Neste contexto, o Concello –máis que nunca- ten que ser un axente fundamental de dinamización e apoio, un baluarte na defensa da súa cidadanía ante un sistema socioeconómico profundamente depredador, inxusto e que favorece niveis de desigualdade eticamente intolerables. Nesa loita estamos tanto a Agrupación Socialista de Cariño como o Goberno Municipal que preside o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar. Temos plena confianza en que axiña comezarán a verse os resultados.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.