Pensar dende a esquerda: os modelos sanitarios segundo Michael Moore

Share Button

Mañá, xoves 27 de outubro, celébranse concentracións en defensa da sanidade pública en distintas cidades e vilas galegas, convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Todas elas terán lugar ás oito da tarde. A máis próxima a Cariño celébrase en Ferrol, na Praza de Armas.

Hai meses que a cidadanía está saíndo á rúa con moita máis frecuencia da habitual en numerosos lugares do mundo. A crise creada polo neoliberalismo voraz, polos mercados desregulados, pola codicia dos poderosos, ameaza con levarse por diante as conquistas sociais acadadas tras décadas de loita política e sindical: ensino público, sanidade pública, sistema público de pensións…

Con motivo da manifestación de mañá, na nosa sección Pensar dende a esquerda queremos recomendar nesta ocasión o filme Sicko, de Michael Moore. En palabras do seu director “Sicko é unha comedia acerca dos 45 millóns de persoas sen asistencia sanitaria do país máis rico da Terra”. O filme data de 2007, ten formato de documental e dura 123 minutos; por suposto, existe unha versión doblada ó castelán.

Sicko ten un formato semellante a outros documentais de Michael Moore. Nesta ocasión, a través de experiencias individuais, establécese unha comparación entre o sistema sanitario estadounidense, de xestión privada e rexido por empresas aseguradoras, e os sistemas de sanidade pública de países como Canadá, Reino Unido, Francia ou Cuba. O filme contén ademais unha explicación das orixes do modelo estadounidense, dos beneficios que ten reportado a certos gobernantes e de cómo as aseguradoras poñen en marcha as artimañas máis inmorais para non cubrir os gastos sanitarios dos seus clientes. Nos EEUU romper unha perna ou unha costela pode ser motivo de ruina económica.

Se aínda non viches Sicko, recomendámosche que o fagas. Con seguridade, ratificará as túas conviccións sobre a bondade da sanidade pública; desconfiarás aínda máis das intencións privatizadoras de certos políticos.

Se queres saber máis sobre o filme, podes ler a entrada que lle consagra a Wikipedia:

http://es.wikipedia.org/wiki/Sicko

A entrada adicada a Moore nesta mesma fonte dinos sobre el o seguinte: “es un cineasta documentalista y escritor estadounidense conocido por su postura progresista y su visión crítica hacia la globalización, las grandes corporaciones, la violencia armada, la invasión de Irak y de otros países y las políticas del gobierno de George W. Bush y sus antecesores”.

Esta outra entrada está dispoñible aquí:

http://es.wikipedia.org/wiki/Michael_Moore

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.