Tecendo o futuro: Ana Fachal asume o liderado do socialismo cariñés

Share Button

O socialismo galego atópase inmerso estes días no proceso de renovación das executivas locais. A Agrupación Socialista de Cariño celebrou onte, domingo 8 de xullo, a Asamblea Extraordinaria que aprobou o balance de xestión da Executiva saínte e escolleu a dirección do partido para os vindeiros catro anos. A nosa compañeira Ana Fachal é a nova Secretaria Xeral da Agrupación.

O Secretario Xeral saínte, José Luis Armada, xa tiña anunciado a súa intención de non optar á reelección. Despois de manifestar na campaña ás eleccións municipais de maio de 2011 que –fose cal fose o resultado- era a última ocasión na que se presentaba como candidato, o seu desexo foi favorecer tamén a renovación na dirección local do partido. Armada centrou o seu informe de xestión nos últimos catro anos, pero aproveitou tamén para facer un breve repaso do traballo realizado na súa longa etapa á fronte do partido, que supuxo gobernar o Concello de Cariño en catro lexislaturas, estar presente na Deputación Provincial en dúas e manter unha actividade constante na defensa da sociedade cariñesa e dos valores do socialismo. Precisamente o feito de vir de gobernar en Cariño un ciclo de oito anos seguidos, ata as últimas eleccións municipais, motivou que o partido tivese que facer un investimento importante de esforzos e recursos humanos nestas tarefas de goberno. Finalizou sinalando que o desgaste experimentado polo partido en toda España, provocado pola brutal crise económica que estamos padecendo, contribúe a explicar os resultados das municipais de 2011, que obviamente teñen tamén causas locais. O informe de xestión resultou aprobado por unanimidade. Armada, por último, expresou a súa dispoñibilidade para seguir colaborando na nova etapa que se abre; de feito, segue exercendo de voceiro do Grupo Municipal, é membro do Comité Provincial e ocupará a Secretaría de Política Municipal na nova Executiva.

De seguido abríuse o proceso de elección da nova Executiva Local, presentándose unha única candidatura de consenso, encabezada por Ana Fachal. A candidata explicou as razóns que a levaron a tomar a decisión de presentarse e deu a coñecer a súa proposta de Executiva, que recibíu tamén o apoio unánime dos asistentes.

A nova Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, Ana Fachal, ten 44 anos. É Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa, en ambos casos pola Universidade de Santiago; Diplomada en Maxisterio na especialidade de Inglés pola Universidade da Coruña; e Máster en Xestión Medioambiental pola Universidade de Valencia. Dende hai 20 anos traballa no Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, ademais de exercer de profesora nos cursos de verán de lingua e cultura galegas para extranxeiros organizados pola Universidade de Santiago, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega; desenvolve tarefas de tradución e revisión lingüística para diferentes editoriais. Nas dúas anteriores lexislaturas (2003-2011), foi Concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Medio Ambiente en Cariño.

Ana está acompañada na nova Executiva Local por Jonathan Miranda (Secretario de Organización e Acción Electoral), José Luis Armada (Secretario de Política Municipal), Alberto Iglesias (Secretario de Administración e Tesourería), Lois Armada (Secretario de Formación), José Miguel Alonso (Secretario de Desenvolvemento Local e Medio Ambiente), Marisa Novo (Secretaria de Igualdade e Política Social) e José Pérez (Secretario de Novas Tecnoloxías).

Na Asamblea completouse tamén o proceso de elección dos membros do Comité Provincial, resultando elexida a propia Ana Fachal, con Alberto Iglesias na condición de suplente. Deste órgano tamén forman parte José Luis Armada, elexido no último Congreso Provincial, e José Miguel Alonso, na súa condición de membro da Executiva Provincial. Este último formará parte, asemade, do Comité Nacional Galego.

Con esta renovación das executivas locais, o noso partido remata o longo proceso orgánico que o levou a renovar en poucos meses as direccións estatal, autonómicas, provinciais e locais. Están polo tanto configurados os equipos humanos que van a levar as rendas do socialismo no futuro inmediato. Na Agrupación Socialista de Cariño estamos satisfeitos cos resultados do proceso e asumimos con moitas gañas de traballar esta nova etapa. Vivimos tempos difíciles e a sociedade precisa que o noso partido aporte o mellor de si. Tentaremos non defraudar.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.