Trinta números da revista Razón Socialista

Share Button

A revista Razón Socialista, á que xa nos temos referido en máis dunha ocasión nesta web, acada o seu número 30. As primeiras liñas desta entrada teñen que ser, polo tanto, para felicitar e recoñecer a traxectoria desta importante publicación, que sae actualmente con periodicidade semestral e leva por subtítulo Pola rexeneración da esquerda. Non é fácil, a día de hoxe, soster unha publicación destas características. O colectivo que fai posible Razón Socialista é a asociación Fuco Buxán, radicada en Ferrol e formada por militantes e simpatizantes de esquerda, parte deles/as membros do noso partido.

Este novo número conta con máis de 30 colaboracións espalladas ó longo das súas 36 páxinas. Nelas préstase atención ó movemento 15-M e ás concentracións que se veñen producindo dende entón en moitas cidades e vilas do noso país. Outros temas presentes nesta entrega son a fusión das caixas, a sanidade, a Lei Sinde, o paro ou a memoria histórica.

O vindeiro mércores 15 de xuño, ás oito e media da tarde, terá lugar a presentación desta nova entrega de Razón Socialista na Praza de Armas de Ferrol, acto que contará coas intervencións dos directivos de Fuco Buxán Manuel Rodríguez Carballeira e Miguel Castro, da escritora Eva Veiga e do director da revista José Torregrosa, así como coa actuación musical de Deja Blues, dúo composto por Helga Méndez na voz e Pepe Suanzes na guitarra.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.