Visita de Francisco Caamaño ás agrupacións socialistas do Ortegal

Share Button

O exministro de Xustiza e deputado no Congreso Francisco Caamaño visitou onte as agrupacións socialistas do Ortegal para presentar as súas propostas como candidato á Secretaría Xeral da provincia. A cita tivo lugar entre as doce da mañá e as dúas do mediodía no restaurante A Ría, en Mera. Nela estivemos presentes militantes das agrupacións de Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón e Ortigueira. Se hai dúas semanas outro dos candidatos, José Manuel Lage, visitou individualmente cada unha das agrupacións do Ortegal, Caamaño optou por un formato distinto, convocando un encontro unitario de carácter comarcal. Precisamente no día de onte, os medios deron a coñecer a existencia dunha terceira candidatura ó Congreso Provincial do 2 de xuño, a do Alcalde de As Pontes Valentín González Formoso, que se presenta acompañado do eurodeputado Antolín Sánchez Presedo como candidato á presidencia da Agrupación Provincial.

Caamaño fixo unha intervención sólida e moi interesante, na que presentou o seu proxecto político para a provincia. Algunhas propostas foron coincidentes coas que escoitamos hai 15 días a Lage Tuñas, como a de un militante/un voto, ou a de incrementar o contacto entre as agrupacións locais e os cargos públicos do partido. Outras propostas foron completamente novidosas. No debate posterior, algúns militantes subliñaron as coincidencias programáticas e animaron a explorar a posibilidade dunha candidatura unitaria.

Tralos procesos orgánicos estatal e galego, chegan agora o provincial e o local, que a militancia das agrupacións vivimos máis de cerca. Tanto a visita de Lage hai dúas semanas como a de Caamaño onte proporcionaron a oportunidade de debatir, de reflexionar e, incluso, de ilusionar á militancia. Algunhas persoas pensan que os procesos orgánicos do partido son esforzos estériles e alleos á sociedade. Sen embargo, actos como o de onte amosan que son un paso imprescindible para renovar o proxecto socialista, para construir un novo discurso, para defender de xeito máis eficaz os dereitos sociais e o benestar da cidadanía. O vindeiro sábado 19 a Agrupación Socialista de Cariño celebra a súa Asamblea para decidir qué candidatura apoiaremos no Congreso Provincial.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.